- O seu cometido céntrase en eliminar as substancias perigosas e non desexadas dos residuos plásticos a fin de convertelos en novos recursos.
- Financiado polo programa Horizonte 2020, este proxecto conta coa participación de Aimplas (Instituto Tecnolóxico do Plástico)
Cerceda, a 22 de setembro de 2021.- Dado que o incremento das taxas de reciclaxe de plástico resulta esencial para avanzar cara a unha economía circular, tal e como se propuxo a Unión Europea, faise prioritario seguir investigando o desenvolvemento de novos procesos de reciclado que permitan recuperar tamén aqueles residuos plásticos que conteñan substancias perigosas e transformalos en novos produtos plásticos seguros e de calidade.
E precisamente o proxecto europeo NONTOX, no que participa Aimplas (Instituto Tecnolóxico do Plástico,), está orientado a esta finalidade: eliminar as substancias perigosas e non desexadas dos residuos plásticos que permitan converter os plásticos non reciclables en novos recursos.
As investigacións desenvolvidas polos distintos socios do proxecto xirarán ao redor da recuperación de materiais plásticos procedentes dos RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), VFU (vehículos fóra de uso) e RCD (residuos de construción e demolición) que conteñen aditivos perigosos ou compostos non desexados como retardantes de chama, estabilizadores, materiais de recheo, etc.
Para isto aplicaranse dúas tecnoloxías diferentes (Extruclean e CreaSolv) capaces de eliminar esas substancias perigosas de residuos plásticos de ABS, EPS, PS, HIPS, PE ou PP, que, no seu conxunto, representan preto da metade da demanda de plásticos da UE.
Financiado a través do programa de investigación e innovación da Unión Europea Horizonte 2020, NONTOX está coordinado por VTT Technical Research Centre of Finland e, ademais de Aimplas, tamén participan neste proxecto Fraunhofer, Università degli studi della Campania Luigi Vanvitelli, Treee, Fundación IMDEA Enerxía, Stena Recycling International AB, Galea Polymers, Ecodom – Consorzio Italiano per il Recupero e Riciclaggio Elettrodomestici, Norner Research AS, Aalto University e Coolrec.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Proxecto NONTOX