- Terá lugar, en formato online, o próximo 10 de decembro, emitíndose desde o anfiteatro da Universidade do Minho (Braga-Portugal).
- Na mesma participarán representantes de todas as entidades socias: Lipor, Braval e CVR, por parte de Portugal; e CVAN, a USC e Sogama, por parte de Galicia, ademais da propia Universidade do Minho, líder do proxecto.
- O 9 de decembro terá lugar unha conferencia internacional que, baixo o título “Os residuos orgánicos na economía circular”, aglutinará as intervencións de expertos de European Compost Network, USC e Universidades de Milao e Lorraine.
Cerceda, a 2 de decembro de 2020.- O proxecto de cooperación transfronteIriza Galicia-Norte de Portugal “RES2VALHUM” bota a peche cunha conferencia final que terá lugar en formato online, debido ás restricións impostas polo COVID-19, e que se emitirá o próximo 10 de decembro desde o anfiteatro da Universidade do Minho (Braga-Portugal).
Na mesma daranse a coñecer os principais logros e resultados desta iniciativa, centrada en promover a valorización da materia orgánica a través da compostaxe e reducir o vertido, obtendo así fertilizantes biolóxicos de alta calidade e para remediación de solos contaminados, e indagando noutros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas.
Na xornada participarán representantes das entidades socias do proxecto, abordando, entre outras cuestións, os avances na valorización de compost e desafíos futuros.
Con carácter previo, tamén se desenvolverá, desde a Universidade do Minho e vía dixital, unha conferencia internacional baixo o título “Os residuos orgánicos na economía circular”. Para isto contarase coas achegas de Stefanie Siebert, de European Compost Network, cuxa intervención centrarase na xestión dos biorresiduos en Europa; Felipe Macías, da Universidade de Santiago de Compostela, quen disertará sobre as potencialidades da valorización da fracción orgánica contida nos refugallos; e Enzo Favoino, da Universidade de Milao, que centrará a súa alocución na estratexia para a xestión integral dos biorresiduos, contemplando os seus beneficios ambientais, a súa recollida selectiva e tratamento.
Estas tres sesións plenarias complementaranse con outros tanto paneis protagonizados por Susana Abreu, de Lipor; Paulo Ramísio, da Universidade do Minho; e José Paulo Pinheiro, da Universidade de Lorraine
SOBRE RES2VALHUM
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, Res2ValHum ten por obxecto promover a compostaxe da materia orgánica. Baixo o liderado da Universidade de Minho, contou coa participación, en calidade de socios, de Lipor, Braval e CVR, por parte de Portugal, e CVAN, USC e Sogama, por parte de Galicia.
O espírito do proxecto reside precisamente na colaboración entre dúas rexións (Galicia e Norte de Portugal) con estreitos lazos históricos, culturais, sociais e tamén medioambientais, constituíndo esta iniciativa unha excelente oportunidade para optimizar a xestión dos residuos a ambos os dous lados da fronteira e facela máis sostible, en plena sintonía coas directrices europeas.
Saúdos, Departamento de Comunicación