- Baixo o título “Compostaxe como estratexia sostible para a xestión dos nosos residuos orgánicos”, terá lugar mañá, xoves, 29 de xuño, entre as 10:00 e as 12:00 horas, vía on-line (Teams)
- O obxectivo desta cita é presentar os desafíos e oportunidades da xestión de residuos orgánicos desde unha perspectiva de economía circular, ademais de dar a coñecer os beneficios, usos e posibles aplicacións do compost para mellorar a calidade do solo
Cerceda, a 28 de xuño de 2023.- Baixo o título “Compostaxe como estratexia sostible para a xestión dos nosos residuos orgánicos”, mañá, xoves, 29 de xuño, celebrarase un webinar que culmina o proxecto europeo Res4VALOR, no que participan, en calidade de socios, a USC (como beneficiario principal), Sogama e a Universidade do Minho (Portugal).
O obxectivo desta cita, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 12:00 horas, vía on-line (Teams), é presentar os desafíos e oportunidades da xestión de residuos orgánicos desde unha perspectiva de economía circular, identificar boas prácticas e dar a coñecer os beneficios, usos e posibles aplicacións do compost para mellorar a calidade do solo.
Para isto contarase coas achegas de Juan Antelo Martínez, Investigador Asociado no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, quen fará unha presentación do proxecto Res4Valor, e de Remigio Paradelo Núñez, Profesor Titular de Edafoloxía e Química Agrícola, tamén na USC, que se encargará de explicar as aplicacións e beneficios do uso de compost en solos. Ambos os dous están integrados en CRETUS (Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais).
Pola súa banda, Noelia Castro Fernández, Enxeñeira Química e Responsable de Control de Procesos na empresa Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste, S.L (TEN), falará da propia valorización de residuos orgánicos para a produción de compost, e Mónica Pérez Álvarez, Técnica Superior de I+D+i en Sogama, que exporá o papel da economía circular na xestión da fracción orgánica dos residuos municipais
Inscrición (vía Google forms): Inscripción Webinar Res4ValOR (google.com)
Link Teams: Unirse a la conversación (microsoft.com)
Este webinar oriéntase principalmente a profesionais da xestión dos residuos e a economía circular, a asociacións e empresas dedicadas á compostaxe, estudantes e investigadores relacionados con áreas das Ciencias Ambientais, Bioloxía, Química, Enxeñería, e público en xeral.
Sobre Res4ValOR
O proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR céntrase no desenvolvemento de accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Enmarcado no programa Interreg VAI España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, está financiado polo Fondo FEDER, sendo o seu principal obxectivo reforzar a valorización do compost mediante a súa posible utilización para a retención de contaminantes orgánicos en sistemas de tratamento de augas residuais
Saúdos, Departamento de Comunicación