- Está liderado polo Centro Tecnolóxico EnergyLab, con sede en Vigo, e conta coa colaboración doutras entidades vinculadas ao sector mariño.
- A acumulación destas algas nas praias constitúe unha seria ameaza para os bancos marisqueiros, cuxa mortandade viuse incrementada por este fenómeno.
- A iniciativa contempla tamén a análise da viabilidade do uso destes biocombustibles no sector acuícola e a súa contorna coa pretensión de transferir e facilitar a súa implantación e uso, abrindo con isto unha nova oportunidade económica.
Cerceda, a 8 de abril de 2021.- O Centro Tecnolóxico EnergyLab, con sede en Vigo, lidera o proxecto de investigación VALORALGAE, orientado a promover a sostibilidade do sector acuícola marítimo a través dun proceso innovador de valorización de algas de arribazón mediante a súa transformación en biocombustibles.
A problemática derivada da acumulación destas algas nas praias segue estando presente, constituíndo unha seria ameaza para os bancos marisqueiros, cuxa mortandade viuse incrementada por este fenómeno.
Pola súa banda, o sector demanda a adopción de estratexias de desenvolvemento sostible baseadas no uso responsable dos recursos para encamiñarse cara a unha economía circular baseada nas enerxías renovables.
Con VALORALGAE, EnergyLab pretende ofrecer á actividade acuícola mariña unha nova vía de aproveitamento sostible para as algas de arribazón mediante a súa valorización como combustible renovable (biogás e pellets), minimizando así o seu negativo impacto ambiental.
Así mesmo, a proposta contempla a análise da viabilidade do uso destes biocombustibles no sector acuícola e a súa contorna (en confrarías, portos, lonxas e outros entes) co obxectivo de transferir e facilitar a súa implantación, abrindo con isto unha nova oportunidade económica.
O proxecto terá unha duración de 1 ano, período no que EnergyLab confía en alcanzar todos os obxectivos establecidos e fomentar así unha acuicultura sostible desde o punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento.
COLABORACIÓNS
Esta iniciativa conta coa colaboración da Federación de Confrarías de Pontevedra, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Arousa e as Confrarías de Xixón, Luanco, Lourizán, Pontevedra, Raxó, ademais do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e o porto de Vigo. Tamén está apoiado pola Fundación Biodiversidade, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Fonte e imaxe: EnergyLab