- Promovido por Landbell Group, matriz de ERP, está orientado a startups de economía circular e conta cunha dotación económica de 25.000 € para o gañador.
- Esta oitava edición do Green Alley Award está dirixida a startups e emprendedores que teñan desenvolvido o seu modelo de negocio nas áreas de economía circular dixital, reciclaxe e prevención de residuos.
- A final celebrarase en Berlín, o 28 de abril de 2022, ante un xurado de expertos.
Cerceda, a 22 de outubro de 2021.- As startups europeas cuxo modelo de negocio estea enfocado a potenciar a economía circular, teñen de prazo ata o próximo 23 de novembro para presentar as súas candidaturas á edición 2022 do Green Alley Award. O acceso realízase vía online a través do seguinte enderezo web: https:// green- alley- award. com/ apply/
O premio, creado polo Grupo Landbell, matriz de European Recycling Platform (ERP) e provedor de servizos ambientais globais, conta cunha dotación económica de 25.000 euros.
Esta oitava edición do Green Alley Award está dirixida a startups e emprendedores que teñan desenvolvido o seu modelo de negocio nas áreas de economía circular dixital, reciclaxe e prevención de residuos. Os creadores do premio buscan empresas que estean a piques de lanzar os seus produtos ou servizos, ou que xa se atopen en fase de crecemento, así como aquelas que queiran expandirse a outros mercados europeos. A única condición é que a idea de negocio debe axudar a reducir os residuos ou a convertelos en recursos.
DIVERSIDADE CONCEPTUAL
A economía circular ten un enorme potencial empresarial para as novas compañías e a diversidade de conceptos dos gañadores do Green Alley Award nos últimos anos así o demostra.
Por exemplo, a compañía Traceless, que gañou a pasada edición, desenvolvera unha tecnoloxía, pendente de patente, que permitía transformar os residuos da industria agrícola nunha alternativa plástica sostible. En 2019, a startup Gelatex Technologies convenceu ao xurado coa súa idea dunha alternativa ao coiro convencional fabricada a partir dun subproduto de xelatina. En 2017, Sulapac presentou unha alternativa biodegradable aos envases de plástico para a industria cosmética, realizada a partir de madeira. Finalmente, a gañadora do primeiro premio en 2014, RePack, alzouse co galardón grazas ao seu servizo de embalaxe reutilizable para a industria do comercio electrónico.
SELECCIÓN E FINALISTAS
Preseleccionaranse algunhas das propostas recibidas, que se subirán á web de Green Alley Award para sometelas a votación pública. O proxecto que reciba máis votos, entrará automaticamente na final. Os cinco finalistas restantes serán seleccionados polo xurado.
A final celebrarase o 28 de abril de 2022 en Berlín. Os seis finalistas reuniranse con expertos en economía circular e outras startups en sesións de traballo e, pola noite, cada un deles terá a oportunidade de presentar a súa idea ante unha audiencia internacional e fronte a un xurado composto por expertos que fallará ao gañador.
O premio tamén conta co apoio de Positive News, unha plataforma de noticias con sede no Reino Unido.
Fonte e imaxe: European Recycling Platform