- Englobará dúas áreas (Medio Ambiente e Acción polo Clima), que estarán divididas á súa vez en dous subprogramas (Natureza e Biodiversidade, e Economía Circular e Calidade de Vida, no primeiro caso; Mitigación do Cambio Climático e Adaptación, e Transición cara ás Enerxías Limpas, no segundo).
- O obxectivo xeral desta nova concepción é contribuír a realizar unha transición cara a unha economía limpa, circular, enerxeticamente eficiente, hipocarbónica e resistente ao cambio climático, que permita igualmente protexer e mellorar a calidade do medio ambiente e frear e invertir a perda de biodiversidade.
- A Comisión propuxo unha dotación financeira de 5.450 millóns de euros para LIFE durante o novo período.
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2019.- O Consello da Unión Europea decidiu prorrogar, máis aló de 2020, o Programa LIFE, o seu principal instrumento para o financiamento de proxectos de natureza, biodiversidade e acción polo clima.
O próximo, a desenvolver entre 2021 e 2027, englobará dúas áreas (Medio Ambiente e Acción polo Clima), que estarán divididas á súa vez en dous subprogramas (Natureza e Biodiversidade, e Economía Circular e Calidade de Vida, no primeiro caso; Mitigación do Cambio Climático e Adaptación e Transición cara ás Enerxías Limpas, no segundo).
O obxectivo xeral desta proposta é contribuír a realizar unha transición cara a unha economía limpa, circular, enerxeticamente eficiente, hipocarbónica e resistente ao cambio climático, que permita igualmente protexer e mellorar a calidade do medio ambiente e frear e invertir a perda de biodiversidade.
Dada a importancia transcendental que os Estados membros conceden á protección da natureza e a biodiversidade, o Consello especificou que, alomenos o 60% do orzamento asignado a proxectos na área de medio ambiente, dedicarase a estas temáticas, asignando unha taxa de cofinanciación de ata o 75% dos custos admisibles para os proxectos destas características que axuden a protexer especies ou hábitats silvestres prioritarios que requiran especial protección. A taxa normalizada de cofinanciación fíxase nun 60% dos custos admisibles.
A Comisión propuxo unha dotación financeira de 5.450 millóns de euros para LIFE durante o período 2021-2027 (3.500 millóns para o área de Medio Ambiente e 1.950 millóns para a de Acción polo Clima).
A boa calidade das solicitudes dos proxectos continuará a ser o criterio determinante para a concesión do financiamento deste programa. Agora ben, dado que é necesario mellorar o equilibrio xeográfico do financiamento, o Consello especifica que a categoría de proxectos de asistencia técnica englobará igualmente proxectos de desenvolvemento de capacidades a través dos cales proporcionarase apoio ás autoridades dos Estados para mellorar a calidade das solicitudes
Iniciado en 1992, o Programa LIFE é o único fondo da Unión Europea dedicado integramente a obxectivos medioambientais e climáticos. Ata a data, cofinanciou máis de 4.500 proxectos.
Fonte: Consello Europeo
Saúdos, Departamento de Comunicación