- O novo Regulamento substituirá á Directiva existente, de 2009, e ampliará o seu ámbito de actuación a fin de fixar requisitos de sostibilidade ambiental para case todos os tipos de bens e facelos así máis eficientes, duradeiros, fiables, reutilizables, actualizables, reparables, reciclables e fáciles de manter
- Establecerá un pasaporte dixital do produto e normas en materia de transparencia en relación con produtos de consumo non vendidos, así coma no relativo á prohibición da súa destrución
Cerceda, ao 14 de xuño de 2023.- O Consello Europeo adoptou a súa posición («orientación xeral») sobre a proposta de Regulamento polo que se instaura un marco relativo ao establecemento de requisitos de deseño ecolóxico para produtos sostibles.
O novo Regulamento substituirá á Directiva existente, de 2009, e ampliará o seu ámbito de actuación a fin de fixar requisitos de sostibilidade ambiental para case todos os tipos de bens comercializados na UE, establecendo un marco harmonizado para grupos de produtos específicos co obxecto de facelos eficientes desde o punto de vista enerxético e dos recursos (do mesmo xeito que na Directiva de 2009) e tamén máis duradeiros, fiables, reutilizables, actualizables, reparables, reciclables e fáciles de manter.
A posición do Concello reforza a ambición deste Regulamento mediante unha prohibición directa da destrución de produtos téxtiles non vendidos (cunha exención para as microempresas e pequenas empresas e un período transitorio para as medianas empresas) coa pretensión de reducir os efectos ambientais da roupa e os accesorios que se produzan pero non se empreguen, tendo en conta o rápido crecemento das vendas en liña. Pérdense valiosos recursos económicos, xa que os bens prodúcense, transpórtanse e posteriormente destrúense antes de que sexan utilizados para a finalidade prevista.
O Regulamento sobre Deseño Ecolóxico velará por que os produtos que se comercialicen no mercado da EU sexan aptos para a transición ecolóxica e estean preparados para ela.
O pasaporte dixital
O Regulamento sobre Deseño Ecolóxico será de aplicación para case todas as categorías de produtos, sendo o seu obxecto facilitar o movemento dos mesmos no mercado único. Neste sentido, un novo «pasaporte dixital» proporcionará información sobre a sostibilidade ambiental dos produtos, axudará aos consumidores e ás empresas a elixir con coñecemento de causa á hora de compralos, e tamén axudará ás autoridades públicas a mellorar a relación de comprobacións e controis.
A posición do Consello aclara como os expertos dos Estados membros, e tamén outras partes interesadas (o caso da industria), deben participar no desenvolvemento de futuros requisitos de deseño ecolóxico, e que criterios e aspectos deben terse en conta antes de desenvolvelos.
Por último, a orientación xeral do Consello contempla un período transitorio mínimo de 18 meses tras a entrada en vigor do acto delegado antes do inicio da súa aplicación, dando así tempo aos operadores económicos a adaptarse aos novos requisitos. Así mesmo, concédese aos Estados membros un prazo de dous anos para adaptar e adoptar as medidas nacionais necesarias, en particular as relativas á vixilancia do mercado e as sancións.
Fonte: Consello Europeo
Imaxe: Pexels