
- Na súa mensaxe de Aninovo, subliñou que “estamos a presenciar o colapso climático en tempo real. Este camiño está abocado á ruína e temos que abandonalo canto antes”
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2025.-Na súa mensaxe de Aninovo, o Secretario Xeral de Nacións Unidas, António Guterres, advertiu que o mundo encamíñase á “ruína” se non se toman medidas inmediatas fronte ao cambio climático.
Sinalou que o 2024 pecha a década máis calorosa da historia, polo que considera “indispensable” que, en 2025, os países encamiñen ao planeta cara a perspectivas máis seguras reducindo drasticamente as emisións e apoiando a transición a un futuro renovable”, engadindo que “é indispensable que o fagan, e non é imposible”.
Recoñeceu que o pasado ano foi difícil atopar motivos para a esperanza, en clara alusión ás guerras, as desigualdades e as divisións que “agudizan as tensións e a desconfianza”, pero sostivo que “mesmo nos días máis escuros” foi testemuña de “cambios impulsados pola esperanza”. Neste sentido, citou aos “activistas, tanto novos como maiores, que alzan a súa voz en aras do progreso”, os “heroes humanitarios” que axudan aos máis vulnerables, os países en desenvolvemento que loitan pola “xustiza financeira e climática” e os científicos que “abren novos roteiros en beneficio da humanidade”.
E asegurou ter percibido esperanza en setembro de 2024, “cando os líderes do mundo se reuniron para aprobar o Pacto para o Futuro”. Agarda que este Pacto sexa un “un novo impulso para consolidar a paz mediante o desarmamento e a prevención”, para reformar o sistema financeiro mundial, para promover máis oportunidades para mulleres e mozos, e para dar preferencia aos dereitos das persoas fronte aos “algoritmos descontrolados”.
Prometeu apoiar aos que están a traballar para forxar un futuro máis pacífico, equitativo, estable e saudable para todas as persoas. “Man a man podemos facer que 2025 sexa un novo comezo. Non como un planeta dividido, senón como Nacións Unidas”, concluíu.
Fonte e imaxe: ONU