- Os asinantes da solicitude, entre os que se atopan CEWEP e ESWET, aseguran que a demanda deste tipo de combustible -a miúdo derivado de residuo– aumentará rapidamente nos próximos anos, impulsada polas políticas da UE
Cerceda, a 10 de outubro de 2023.- O sector industrial dos residuos e os combustibles pediu ao Parlamento Europeo que a súa Lei sobre a Industria Cero Neto haga unha referencia explícita ás tecnoloxías de combustibles alternativos sostibles entre as medidas necesarias para alcanzar o balance neto cero. Desta forma garantiríase que reciban o recoñecemento axeitado polo seu papel na transición cara a combustibles renovables e con baixas emisións de carbono para a industria.
Entre os asinantes da solicitude atópanse a Confederación Europea de Plantas de Valorización Enerxética de Residuos (CEWEP) e os Provedores Europeos de Tecnoloxía de Valorización Enerxética de Residuos (ESWET), ademais de eFuel Alliance, Eurogas, Fertilizers Europe, Fuels Europe e o Methanol Institute.
Insisten en que é necesaria unha definición coherente dos combustibles alternativos sostibles de modo que a normativa se aliñe con outras políticas da UE sobre transporte e combustibles. Aseguran que a demanda deste tipo de combustible -a miúdo derivado de residuo– aumentará rapidamente nos próximos anos, impulsada polas políticas da UE.
Igualmente, e a falta dunha capacidade de produción nacional axeitada, consideran que a escaseza de subministración obrigaría á UE a «depender das importacións estranxeiras» de residuos, a menos que se fomenten políticas de apoio á produción nacional destes combustibles.
As industrias representadas na carta reclaman que se garanta a coherencia coa lexislación da UE e se achegue certeza aos investidores, aliñando a definición de combustibles alternativos sostibles a todos os combustibles definidos como sostibles na Directiva de Enerxías Renovables e aos combustibles baixos en carbono que serán determinados pola próxima Directiva revisada sobre o mercado do hidróxeno e o gas.
Deste xeito, «enviaríase un sinal claro aos axentes do sector, os investidores e os innovadores, animándoos a centrar os seus esforzos no desenvolvemento e a adopción destas solucións respectuosas co medio ambiente».
Fonte e imaxe: ESWET