- Conforme ao informe sectorial publicado por AFCO, o noso país mantense como o terceiro produtor europeo de cartón ondulado, por detrás de Alemaña e Italia
- O principal consumo deste material correspondeu á industria alimentaria, seguida polos produtos agrícolas e o sector das bebidas
Cerceda, a 30 de maio de 2022.- Segundo o informe sectorial correspondente a 2021 e publicado por AFCO (Asociación española de fabricantes de envases e embalaxes de cartón ondulado), España continúa a ser o terceiro produtor de cartón ondulado de Europa, por detrás de Alemaña e Italia, grazas ás 71 empresas onduladoras e 89 fábricas coas que conta o noso país.
A facturación total do sector, tanto directa como indirecta, alcanzou o ano pasado os 6.273 millóns de euros. Actualmente, xera en España 23.797 postos de traballo e, no caso de Europa, a cifra de empregos ascende a 100.000.
Así mesmo, a industria do cartón ondulado para envases e embalaxes desempeña un papel importante na sociedade e na economía, atendendo a moitas actividades industriais, contribuíndo a gañar eficiencia e a optimizar os procesos de envasado, loxística, transporte e venda de infinidade de produtos.
CONSUMO DE CARTÓN POR ÁMBITOS DE ACTIVIDADE
O cartón consolídase como material de envase do futuro. Ao seu mínimo impacto ambiental, polo carácter renovable, reciclable e biodegradable da súa materia prima, que é o papel, súmanse continuos esforzos do sector na prevención e redución en orixe, como o demostra a diminución do 14% na gramaxe dos papeis usados, sen comprometer o comportamento do envase, grazas ao desenvolvemento tecnolóxico.
O principal consumo de cartón ondulado en España correspondeu á industria alimentaria, cun 35,47%. Por detrás, sitúanse os produtos agrícolas, cun 25,06%, e o sector das bebidas (8,98%). Séguenlles bens de equipo e auxiliares (7,14%), e bens de consumo, cun 7,12%. A continuación, loxística e comercio electrónico (4,35%). Tras eles o de IT, comunicación e audio (0,68%), produtos de papel (3,39%) e outros (7,81%).
SOBRE AFCO
A Asociación Española de Fabricantes de Envases e Embalaxes de Cartón Ondulado (AFCO) é unha organización profesional que ten por misión representar e defender os intereses xerais e comúns de todos os asociados ante a Administración e os grupos de interese co obxectivo de impulsar o desenvolvemento e o crecemento do sector, as súas empresas e os seus produtos.
Desde a súa fundación, en 1977, AFCO fomenta a utilización do cartón ondulado no transporte e embalaxe de produtos, promove o coñecemento do sector e fomenta a súa excelencia profesional.
A Asociación conta na actualidade cuns 200 membros.
Fonte: AFCO
Imaxe: Pixabay