- A economía ambiental xerou 541.600 empregos, o 2,95% do total, o que se traduce en 0,20 puntos máis que no ano anterior
- Os dominios nos que se crearon máis postos de traballo foron os de xestión de enerxía e/ou calor (35,9% do total) e xestión de residuos (21,3%)
Cerceda, a 30 de decembro de 2022.-Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a economía ambiental, definida como o valor das actividades asociadas á protección do medio ambiente e a xestión dos recursos naturais, aumentou no noso país un 22,2% en 2021 respecto do ano anterior, e representou o 3,05% do Produto Interior Bruto (PIB), fronte ao 2,70% de 2020.
«O Valor Engadido Bruto (VAB) asociado á produción de bens e servizos ambientais (en diante VAB ambiental) situouse (en 2021) en 36.808,82 millóns de euros, un 22,2 por cento máis que no ano anterior», indica o INE.
Os dominios con maior peso no VAB ambiental foron Produción de enerxía a través de fontes renovables (40,9% do total) e aforro e xestión de enerxía e/ou calor (19,8%).
EMPREGO
O emprego xerado polas actividades ambientais ascendeu a 541.600 de postos de traballo, un 14,1% máis que no ano anterior, supoñendo o 2,95% do total (0,20 puntos máis).
Os dominios ambientais nos que se xeraron máis postos de traballo foron os de aforro e xestión de enerxía e/ou calor (35,9% do total) e xestión de residuos (21,3%).
Pola súa banda, as actividades económicas con maior emprego ambiental foron a construción e subministración de auga, actividades de saneamento, e xestión de residuos e descontaminación, con 175.800 e 128.100 empregos respectivamente.
EXPORTACIÓNS
O total da produción ambiental ascendeu a 83.736,53 millóns de euros en 2021, dos cales se destinaron a exportación 9.782,0 millóns, o que supuxo un incremento das exportacións do 17,4% respecto do ano anterior.
Os ámbitos con maior peso nas exportacións foron protección do aire e o clima (36,0% do total) e produción de enerxía a través de fontes renovables (21,5%). As exportacións nestes ámbitos inclúen principalmente os vehículos eléctricos, os produtos enerxéticos (biocombustibles) e bens de equipo vinculados á produción de enerxía eléctrica renovable (grupos electróxenos de enerxía eólica).
Fonte: INE
Imaxe: Pexels