- Así o anunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, nunha visita realizada á instalación, situada no polígono industrial de Teixeiro, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Javier Caínzos
- Cun investimento de máis de 1,8 M€, substituirá á antiga microplanta, gañando en capacidade (ata 17.000 toneladas/ano), eficiencia e funcionalidade
Curtis, a 25 de outubro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos Vázquez, visitaron esta mañá a nova planta de transferencia de Curtis, á que se destinou un investimento de máis de 1,8 M€ e cuxa obra culminará este mes de outubro.
Situada no polígono industrial de Teixeiro, nunha parcela de case 8.000 m2, conta cunha nave de 600 m2, unha zona verde de aproximadamente 1.300 m2 e estará equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.
A nova instalación substituirá á anterior microplanta e gañará en capacidade (chegando ata as 17.000 toneladas anuais), eficiencia e funcionalidade, xa que, ademais de transvasar as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e xenérico (resto), poderá acoller a materia orgánica recollida a través do contedor marrón, en proceso de implantación en Galicia.
Así mesmo, a planta alimentarase con enerxía solar, fomentando deste xeito o autoconsumo a través de paneis fotovoltaicos. Con isto preténdese reducir a dependencia dos combustibles fósiles e apostar polo uso de enerxías máis respectuosas co medio ambiente,
Aínda que, inicialmente, dará servizo aos concellos de Sobrado dos Monxes e Vilasantar, ademais do de Curtis, estará ao dispor doutros 15 municipios máis, cunha poboación incorporada de 40.080 habitantes.
Finalizada a obra, esta planta integrarase na rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica promovida pola Xunta de Galicia, e executada por Sogama, co fin de axudar aos concellos a dar debido cumprimento á lexislación europea, debendo ter implantado o contedor marrón antes do 31 de decembro deste ano en curso. A esta rede destínase un investimento de 40 M€, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER REACT como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación