- Sogama vén de adxudicar por un importe global de máis de 2,3 M€ os contratos polos que se instalará unha tolva específica para o transvase da fracción orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón nas sete instalacións
- Estas infraestruturas forman parte da rede deseñada pola Xunta coa que pretende que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022.- Sogama prevé que as obras dos novos puntos de transvase para a materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) nas plantas de Lugo, Narón, Silleda, San Cibrao das Viñas, Vigo, O Porriño e A Rúa poderán comezar antes deste mesmo verán.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de Sogama, vén de formalizar os contratos —en cinco lotes distintos— destas actuacións nas sete plantas por un importe global de 2.329.182 euros. O obxectivo é mellorar a rede galega de infraestruturas para posibilitar a valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost.
O primeiro lote suma ás plantas de transferencia de Lugo e Narón; o segundo, ás de Silleda e San Cibrao das Viñas; o terceiro corresponde á planta de Vigo; o cuarto, á do Porriño; e o quinto, á planta de transferencia da Rúa.
No seguinte cadro resúmense os datos relativos a cada lote do procedemento, xa publicado na plataforma de contratos públicos.
Nº Lote |
Plantas de transferencia |
Prazo execución obras |
Importe de adxudicación |
Lote 1 |
Lugo e Narón |
10 semanas |
438.936,80 € |
Lote 2 |
Silleda e San Cibrao das Viñas |
10 semanas |
330.620,40 € |
Lote 3 |
Vigo |
14 semanas |
311.121,25 € |
Lote 4 |
O Porriño |
16 semanas |
662.838 € |
Lote 5 |
A Rúa |
16 semanas |
585.640 € |
As plantas terán unha maior eficiencia e capacidade, estando preparadas para transvasar, ademais do residuo convencional (bolsa negra), o procedente do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e do marrón (materia orgánica).
A adaptación destas sete plantas complementarase coa construción de cinco plantas máis, que virán substituír a outras tantas microplantas, localizadas en Curtis, Ponteceso, Riotorto, A Lama e Arbo. Ademais, levantarase unha sexta nova planta de transferencia no polígono industrial de Cee, que virá a substituír á que está a operar no Monte do Son.
Polo tanto, a adaptación das sete plantas complementarase coa construción destas seis que, sumadas ás catro de biorresiduos —Cerceda, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín—, fan un total de 17 instalacións que conformarán a rede galega.
Dado que as entidades locais, conforme á normativa europea, teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva do contedor marrón e, malia que se trata dunha competencia municipal, a Xunta axudaralles a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais e porá á súa disposición esta rede de instalacións.
O seu obxectivo é que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama —295 en total, que aglutinan a unha poboación de máis de 2,24 millóns de habitantes— dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 quilómetros de distancia.
A Xunta traballa para que esta infraestrutura, na que se invisten preto de 40 millóns de euros e que conta con recursos dos fondos Feder como resposta da Unión Europea á crise da covid-19, estea operativa a finais de 2022.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda