- En próximas datas entregará aos veciños interesados unha nova partida de 15 recipientes, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Así mesmo, Sogama dotará aos participantes con manuais didácticos de apoio e impartirá un curso de formación para complementar coñecementos, solventar dúbidas e resolver posibles incidencias.
Cerceda, a 9 de decembro de 2020.- O Concello de Oia (Pontevedra) decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica da man de Sogama, estendéndoo a 15 novas vivendas unifamiliares.
A empresa pública xa sumbinistrou ao ente local outros tantos composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 120.
Con esta iniciativa, o Concello quere recuperar unha práctica que forma parte da tradición do rural como é segregar a materia orgánica para a elaboración de compost e/ou alimento do gando e, desta forma, propiciar a súa reciclaxe en orixe, obtendo con isto importantes beneficios ambientais e sociais.
Neste sentido, cabe recordar que os refugallos orgánicos representan o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, polo que, se se recuperan no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor da fracción resto e, xa que logo, afórranse custos.
Os veciños adscritos a esta iniciativa recibirán, ademais do recipiente, un manual didáctico de apoio no que se describe a técnica (desde a propia ubicación do composteiro ata a relación de materiais que deben depositarse no mesmo e o control de distintos parámetros –osíxeno, temperatura e humidade, sen esquecer as posibles aplicacións do compost resultante, un abono de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Así mesmo, os participantes recibirán un curso de formación por parte dun técnico de Sogama a fin de que poidan coñecer con máis detalle a operativa, consultar dúbidas e resolver incidencias.
A fin de complementar a información, tamén teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar diferentes recursos divulgativos de interese.
Saúdos, Departamento de Comunicación