- A medida aplícase, desde o pasado 1 de xaneiro, en Xamaica, Belice, Bahamas, Barbados, Costa Rica, Dominicana, Granada e Trinidade, e Tobago. O obxectivo é reducir a produción de residuos e minimizar a contaminación mariña.
- En Xamaica, segundo datos proporcionados polo seu Goberno, os plásticos e envases de espuma de polistireno constitúen sete dos dez principais elementos refugados nas costas e representan máis do 50% do peso total do lixo.
- Nacións Unidas vén facendo continuos chamamentos para eliminar os plásticos dun só uso e esta pretensión será destacada durante este ano en eventos a desenvolver en todo o mundo.
Cerceda, a 11 de xaneiro de 2019.- Ano Novo, vida nova. Desde o pasado 1 de xaneiro, en oito países do Caribe, isto é, Xamaica, Belice, Bahamas, Barbados, Costa Rica, Dominicana, Granada e Trinidade, e Tobago, está prohibido o plástico dun só uso. O principal obxectivo desta medida é reducir a cantidade de residuos producidos, primeiro paso na correcta xestión dos mesmos, e minimizar a contaminación dos mares provocada por lixo plástico, un fenómeno que está alterando os ecosistemas mariños, danando a fauna, a pesca e o turismo, e ata provocando serios problemas na cadea alimentaria humana.
Tal e como se recolle no sitio web https://sostenibilidad.semana.com, segundo datos do Goberno de Xamaica citados pola axencia Prensa Latina, os plásticos e envases de espuma de polistireno constitúen sete dos dez principais elementos refugados nas costas e representan máis do 50% do peso total do lixo.
Segundo a ONU, no mundo consúmense anualmente 5 billóns de bolsas plásticas, principalmente elaboradas a partir de polietileno, un polímero que tarda máis de 4 séculos en degradarse na contorna. Pola súa banda, a espuma de poleistireno tarda ao redor de 500 anos en desfacerse en condicións óptimas. De seguir o actual patrón de produción e consumo, a organización estima que, para 2030, chegaranse a producir no mundo 619 millóns de toneladas de plástico anuais.
Fonte e imaxe: https://sostenibilidad.semana.com
Nacións Unidas vén facendo continuos chamamentos para eliminar os plásticos dun só uso. A presidenta da Asemblea Xeral, María Fernanda Espinosa, asegurou no seu momento que as campañas contra a contaminación de plástico deben implicar e responsabilizar a todos os actores: desde os que toman decisións ata os propios consumidores, anunciando que, na primavera deste mesmo ano, a pretensión de poñer fin ao plástico de usar e tirar destacarase en eventos de todo o mundo.
Pola súa banda, o Parlamento Europeo posicionouse a favor de prohibir os plásticos dun só uso a partir do ano 2021, poñendo o foco de atención nos pratos, cubertos, bastonciños de algodón e pajitas, aglutinando estes materiais o 70% do lixo mariño. Á lista negra de produtos engadiu os artigos de plástico oxo-degradable e os envases de comida rápida de poliestireno expandido.
Saúdos, Departamento de Comunicación