- A secretaria xeral da Organización manifestou que unha temperatura media global de 1,5 graos por riba dos niveis preindustriais durante 10 anos consecutivos, sería realmente a mostra de que non se está cumprindo o Acordo de París
Cerceda, a 7 de febreiro de 2024.- A nova secretaria xeral da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), Celeste Saulo, comentou que a temperatura media global podería situarse en 2024 arredor dos 1,5 graos por riba dos niveis preindustriais (1850-1900), o límite que o Acordo de París aconsellaba non superar, e destacou que o importante é ver se esta tendencia se mantén a longo prazo.
Na súa primeira charla cos medios de comunicación tras asumir o cargo o pasado 1 de xaneiro, a científica arxentina lembrou que “xa se estivo preto dos 1,5 graos en 2023 (alcanzáronse os 1,45 graos, segundo o último informe da OMM) e a ciencia di que é probable que 2024 sexa un ano máis cálido pola incidencia de El Niño”, ao que engadiu que “superar ese limiar é unha advertencia, aínda que do que temos que estar verdadeiramente preocupados é sobre a tendencia” a longo prazo.
Unha temperatura media global de 1,5 graos por riba dos niveis preindustriais durante 10 anos consecutivos, exemplificou Saulo, sería realmente a mostra de que non se está cumprindo o Acordo de París, no que se advertía sobre un aumento aínda maior das catástrofes climáticas se se chega a esa situación.
Na súa presentación aos medios, a experta, primeira muller en dirixir a OMM nos 73 anos de historia da organización, afirmou que o mundo “enfronta un dos seus desafíos máis complexos”, o do cambio climático, ante o cal a humanidade “debe actuar como unha familia global, unida por unha responsabilidade compartida, unha visión polo futuro dos nosos fillos e un destino común”.
A secretaria xeral agregou que no seu mandato agarda dar prioridade ás actividades rexionais e sobre o terreo “para garantir que a innovación chega a todos os países membros, especialmente a aqueles con menor nivel de desenvolvemento”.
Nese sentido, subliñou a importancia do programa xa en marcha da OMM para lograr que todos os países do mundo dispoñan de sistemas de alerta temperá para previr desastres naturais.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pixabay