- Lamenta que, a medio camiño da Axenda 2030, esteamos moi lonxe de cumprir os obxectivos climáticos, o que repercute negativamente no resto dos ODS
Cerceda, a 15 de setembro de 2023.- A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) advertiu o pasado xoves que a ciencia non deixa lugar a dúbidas: a medio camiño da Axenda 2030, estamos moi lonxe de cumprir os obxectivos climáticos.
Segundo un novo informe interinstitucional coordinado pola Axencia, isto repercute negativamente no resto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e socava os esforzos mundiais para facer fronte á fame, a pobreza e a mala saúde, mellorar o acceso á auga potable e a enerxía, e moitos outros aspectos da Axenda 2030.
Unidos na ciencia examina sistematicamente o impacto do cambio climático e das condicións meteorolóxicas extremas nos obxectivos, e pon de manifesto que só o 15% van por bo camiño.
O Secretario Xeral da ONU declarou ao respecto, que 2023 “demostrou con demasiada claridade que o cambio climático xa está aquí. As temperaturas récord están a abrasar a terra e quentando o mar, mentres as condicións meteorolóxicas extremas causan estragos en todo o planeta”. Pola súa banda, o secretario xeral da OMM, Petteri Taalas, expuxo que "os avances científicos e tecnolóxicos revolucionarios, como a modelización climática de alta resolución, a intelixencia artificial e a predición actual, poden catalizar a transformación para alcanzar os Obxectivos”, coa particularidade de que un sistema de Alertas Temperás universal, que debería alcanzarse en 2027, non só salvaría vidas e medios de subsistencia, senón que tamén axudaría a salvagardar o desenvolvemento sostible.
O informe mostra, por exemplo, como as predicións meteorolóxicas axudan a impulsar a produción de alimentos e a achegarse ao obxectivo da fame cero. Por outra banda, a integración da epidemioloxía e a información climática axuda a comprender e prever as enfermidades sensibles ao clima. Tamén poden facer avanzar metas como a enerxía limpa, a mellora da saúde, os océanos sostibles e as cidades resilientes.
12.000 catástrofes
A OMM destaca que, entre 1970 e 2021, rexistráronse case 12.000 catástrofes debidas a fenómenos meteorolóxicos, climáticos e hidrolóxicos extremos que causaron máis de dous millóns de mortes e 4,3 billóns de dólares en perdas económicas. Máis do 90% destes falecementos e o 60% das perdas producíronse en países de ingresos baixos e medios, o que socava o desenvolvemento sostible.
Así mesmo, a probabilidade de que a temperatura media anual global próxima á superficie supere temporalmente os 1,5 °C por riba dos niveis preindustriais durante alomenos un dso próximos cinco anos é do 66% e aumenta co tempo.
O informe apunta a que, ata o de agora, os avances na redución da brecha de emisións (a diferenza entre as reducións de emisións prometidas polos países e as necesarias para alcanzar o obxectivo de temperatura do Acordo de París) foron moi limitados. Pola contra, as emisións de dióxido de carbono procedentes de combustibles fósiles aumentaron un 1% en todo o mundo en 2022 en comparación con 2021, e as estimacións preliminares de xaneiro a xuño de 2023, mostran un novo aumento do 0,3%.
A Axencia lembra que, para cumprir os obxectivos do Acordo de París de limitar o quecemento a 1,5°C, as emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro deben reducirse nun 45% para 2030, e as emisións de dióxido de carbono deben aproximarse a cero neto para 2050. Isto esixirá transformacións rápidas, sistémicas e a gran escala.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels