- Cada ano xéranse no mundo 53 millóns de toneladas de lixo electrónico, polo que a reutilización e a reciclaxe constitúen unha prioridade para invertir esta tendencia.
- Ao respecto, Back Market indica que “reutilizar un ordenador é ata 20 veces máis eficiente desde o punto de vista enerxético que reciclalo”.
- Así mesmo, e segundo un estudo realizado o pasado ano en 27 países por parte da tenda online reBuy.es, o número de teléfonos arrinconados equivalía a 1.900 millóns de euros gastados en metais preciosos.
Cerceda, a 25 de xuño de 2021.- A Organización de Nacións Unidas (ONU) advertiu que, anualmente, xéranse no mundo 53 millóns de toneladas de residuos electrónicos (RAEE) e que, de continuar esta tendencia, este lixo duplicarase considerablemente para o 2050.
Segundo a Fundación Mundial da Reciclaxe, a moda de usar e tirar os teléfonos e outros dispositivos como frigoríficos ou televisores, supón unha ameaza real para o medio ambiente e a saúde das persoas.
Back Market, unha empresa europea especializada no mercado de segunda man de aparellos e dispositivos electrónicos, asegura que se podería reutilizar entre o 70% e o 90% dos RAEE, indicando ao respecto que “reutilizar un ordenador é ata 20 veces máis eficiente desde o punto de vista enerxético que reciclalo”.
A reutilización alonga a vida do produto e reduce o consumo de recursos e enerxía, mitigando así a cantidade de lixo electrónico producido, coa particularidade de que unha parte importante dos RAEE acaban en vertedoiros ilegais ou son exportados e tratados de maneira irregular para extraer e vender os seus materiais valiosos.
Así mesmo, e segundo o estudo de residuos de teléfonos móbiles realizado o pasado ano en 27 países por reBuy.es (tenda online de dispositivos electrónicos usados) o número de teléfonos arrinconados que existían entre todos os países analizados equivalía a 1.900 millóns de euros gastados en metais preciosos.
Aínda que antigamente os refugallos electrónicos debíanse a produtos que se romperan ou quedaran obsoletos, na actualidade, as persoas desfanse dos seus dispositivos para seguir as tendencias electrónicas.
Fonte: Xestores de Residuos
Imaxe: Pexels