- Considera que, nesta década, a acción acelerada para adaptarse ao cambio climático resulta indispensable a fin de reducir a brecha entre as medidas de adaptación en vigor e as que se necesitan
- Apunta a que será necesario diminuír as emisións case á metade de aquí a 2030 se se desexa limitar o quecemento a 1,5 °C
- Así mesmo, considera indispensable aumentar o financiamento destinado aos investimentos na esfera do clima para lograr os obxectivos climáticos
Cerceda, a 11 de abril de 2023.- O Informe climático de Nacións Unidas apunta a que, se se actúa de forma urxente, é posible reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Segundo os expertos e científicos do Grupo Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) “urxe tomar medidas máis ambiciosas e demóstrase que, se actuamos agora, aínda é posible garantir un futuro sostible e habitable para todos”.
No informe de 2018, o IPCC expuxo a escala do desafío que supoñía limitar o quecemento a 1,5 °C. Cinco anos despois, o desafío é aínda maior debido ao aumento constante das emisións de gases de efecto invernadoiro. As medidas actuais globais son insuficientes para facer fronte ao cambio climático.
A queima de combustibles fósiles e o uso desigual e insostible da enerxía e as terras durante máis dun século, provocaron un quecemento global de 1,1 °C por riba dos niveis preindustriais. Como resultado, producíronse fenómenos meteorolóxicos extremos cada vez máis frecuentes e intensos que xeraron impactos moi perigosos na natureza e as persoas en todas as rexións do mundo. Un claro exemplo son as ondas de calor cada vez máis intensas que afectan ás persoas, causando inseguridade alimentaria, mortes e migracións forzosas, así como á natureza, véndose afectada ante a inseguridade hídrica.
MEDIDAS DE ADAPTACIÓN DRÁSTICAS
O informe do IPCC deste ano fai fincapé nas perdas e danos producidos que deben ser resoltos mediante a adopción de medidas axeitadas que dean paso a un cambio sostible. Nesta década, a acción acelerada para adaptarse ao cambio climático é indispensable a fin de diminuír a brecha entre as medidas de adaptación en vigor e as que se necesitan.
Por outra banda, e ao obxecto de limitar o quecemento a 1,5 °C con respecto aos niveis preindustriais, é preciso lograr reducións drásticas, rápidas e sostidas das emisións de gases de efecto invernadoiro en todos os sectores. As emisións xa deberían ter diminuído e será necesario reducilas case á metade de aquí a 2030, se se desexa limitar o quecemento a 1,5 °C.
Os beneficios económicos para a saúde humana derivados só da mellora da calidade do aire serían aproximadamente iguais, ou quizais mesmo superiores, aos custos que implican reducir ou evitar as emisións. É por isto que, para lograr os obxectivos climáticos a escala global, resulte necesario aumentar o financiamento destinado aos investimentos na esfera do clima.
A solidariedade e traballo conxunto de institucións, gobernos, empresas e persoas serán os que farán posible a transición sostible a tempo.
Fonte e imaxe: Compromiso RSE