- No mesmo dá conta do seu traballo en áreas tales como a loita contra a contaminación nas distintas vertentes e os esforzos para que as nacións reduzan as súas emisións e dean debido cumprimento aos compromisos de acción climática.
Cerceda, a 11 de marzo de 2019.- En días pasados, ONU Medio Ambiente lanzou o seu Informe Anual correspondente ao ano 2018, un documento no que dá conta do traballo realizado por esta organización en cuestións tales como a loita contra a contaminación, tanto do aire como do mar, así como os esforzos para que os Estados reduzan as súas emisións e dean debido cumprimento aos compromisos en materia de cambio climático.
O informe evidencia como as accións se foron acelerando en moitas áreas medioambientais que hoxe revisten gran preocupación co fin de garantir a saúde do planeta.
Como exemplo, alúdese á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que se centrou na loita contra a contaminación por plásticos, posibilitando que a mensaxe chegase a millóns de habitantes de máis de 190 países.
India, que actuou como anfitrión desta efeméride, comprometeuse a eliminar os plásticos dun só uso para o ano 2022; unha decisión que serviu xa como punto de referencia para outros países que se sumaron á campaña “Mares Limpos”, cuxa pretensión é evitar que os residuos acaben nos océanos, supoñendo unha grave ameaza para os ecosistemas e fauna mariña, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
Así mesmo, ONU Medio Ambiente promoveu, xunto coa Organización Mundial da Saúde, a primeira reunión de dimensión mundial sobre contaminación do aire, un problema que afecta a millóns de persoas.
Pola súa banda, salvar as tubeiras da Cuvett Central na cunca do Congo, que albergan 14 especies ameazas a nivel mundial, tornouse en prioridade, coa particularidade de que estas almacenan cantidades de carbono equivalentes a tres anos de emisións globais de gases de efecto invernadoiro.
O documento tamén mostra o labor de ONU Medio Ambiente noutras moitas áreas tales como a redución do impacto climático da industria do arrefriado, a axuda ás comunidades a reducir os conflitos polos recursos naturais en medio dun clima cambiante e a capacitación das autoridades para que poidan executar leis ambientais.
En palabras do Secretario Xeral da ONU, António Guterres, “ONU Medio Ambiente foi, e seguirá sendo, un actor crucial para apoiar ás nacións a cumprir cos seus compromisos ambientais”.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación