
- Consideran que estes criterios son imperativos e esenciais para crear unhas condicións equitativas, eliminar as barreiras do mercado e fomentar a confianza nos materiais reciclados, logrando desta forma unha economía verdadeiramente circular
Cerceda, a 13 de febreiro de 2025.- Tal e como anunciaron no seu momento a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, e a Comisaria de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva, Jessika Roswall, a nova Lei de Economía Circular terá como obxectivo crear unha demanda de mercado para os materiais reciclados e establecer un mercado único para os residuos. Neste marco, e segundo afirman varias organizacións do sector nun manifesto conxunto, o desenvolvemento de criterios harmonizados de fin da condición de residuo para os plásticos, de conformidade co artigo 6 da Directiva 2008/98/CE, resulta esencial a fin de lograr unha economía verdadeiramente circular en Europa.
As entidades asinantes -FEAD, EERA, EuRIC e Plastics Recyclers Europe-, consideran que a definición duns criterios que especifiquen cando os residuos plásticos deixan de ser residuos, son imperativos e esenciais para crear unhas condicións equitativas, eliminar as barreiras do mercado e fomentar a confianza nos materiais reciclados. Aseguran que isto é especialmente importante no contexto actual de baixa demanda de plástico reciclado e baixos prezos do plástico virxe, xunto cos ambiciosos obxectivos de contido reciclado.
Ademais, as novas normas que prohiben as exportacións de residuos plásticos a países non membros da OCDE a partir de 2026, crearán un excedente de residuos, o que intensificará a necesidade dun mercado interior forte da UE para os plásticos reciclados.
A falta duns criterios harmonizados da UE, os produtos de plástico reciclado de alta calidade enfróntanse á incerteza, xa que os Estados membros interpretan de forma diferente a súa condición xurídica -residuo ou produto. Mentres que países como España ou Portugal estableceron criterios de fin de condición de residuo para o tratamento mecánico dos residuos termoplásticos, segue habendo incoherencias en toda Europa.
Esta inseguridade xurídica ten un impacto directo nas operacións dos recicladores de plásticos europeos, xa que se traduce en custos adicionais para o comercio da reciclaxe dentro da UE e, polo tanto, limita as decisións de investimento en novas capacidades e tecnoloxías de reciclaxe, o que afecta ao crecemento e á estabilidade económica do sector.
A xuízo do sector, a harmonización dos criterios da UE en materia de fin de condición de residuo tamén é vital para apoiar á industria da UE e garantir unha competencia leal a escala mundial.
As asociacións asinantes, celebran a proposta técnica do Centro Común de Investigación (CCI) sobre os criterios de fin da condición de residuo, e instan á Comisión Europea a que avance sen máis demora cunha proposta lexislativa que axude a impulsar a reciclaxe de plásticos en Europa e a aumentar a utilización de materiais reciclados.
Con todo, tamén cren que a proposta do CCI podería mellorarse en puntos crave para ser plenamente eficaz para o sector.
Así, comprométense a apoiar á CE no desenvolvemento dun conxunto de normas factibles e viables que impulsen a aceptación do plástico reciclado, apoiando unha industria europea da reciclaxe de plásticos próspera, competitiva e innovadora.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay