- Con esta iniciativa, o Concello pretende dar un paso máis cara á xestión sostible dos residuos, consciente da importancia da súa redución e reciclaxe
- Sogama subministrou ao ente local un total de 50 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables
Cerceda, a 30 de setembro de 2024.- O Concello de Oroso (A Coruña) adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama e fíxoo con 50 vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín ou horta) no que aplicar o compost resultante.
A empresa pública encargouse de subministrar gratuitamente os composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), así coma os manuais didácticos de apoio para entregar aos participantes, e tamén ofreceu ao ente local un curso de formación presencial, a impartir polos técnicos da Sociedade, para que a veciñanza coñeza a técnica de primeira man e resolva todas as súas dúbidas.
Con este programa, Oroso dá un paso máis cara á xestión sostible dos residuos municipais mediante a redución dos mesmos, xa que a autocompostaxe permite ás familias tratar a materia orgánica nos propios fogares e pechar o ciclo do seu aproveitamento ao transformala en compost, un abono natural con excelentes propiedades nutritivas para o solo, ao que, ademais, protexe fronte a pragas e enfermidades.
Con isto, non só se consegue diminuír a cantidade de residuos a depositar no contedor convencional, aforrando os custos propios da recollida, transporte e tratamento, senón que se transforma a fracción orgánica nun recurso que regresa á terra para dar unha nova vida.
Con esta iniciativa recupérase unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente proporcionada polo composteiro. Os usuarios deben encargarse de facer un seguimento do proceso, comprobando parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, de gran importancia para que o compost resultante sexa de alta calidade e cumpra con todos os requisitos normativos para ser utilizado, con garantías e sen restricións, na agricultura e xardinería.
Saúdos, Departamento de Comunicación