- Se ben 2018 foi o Ano Internacional dos Arrecifes de Coral, aínda queda moito por facer, xa que constitúen un dos ecosistemas máis ameazados na actualidade.
- Proporcionan alimentos a unha boa parte da poboación mundial, albergan máis da cuarta parte de todas as especies mariñas, son un medio de defensa fronte aos desastres naturais e unha das maiores farmacias con que conta a Humanidade
- Se non se adoptan medidas drásticas, os arrecifes están condenados á desaparición.
Cerceda, 17 de xaneiro de 2019.- Os arrecifes de coral son un dos ecosistemas máis ameazados na actualidade, malia que proporcionan alimentos a unha boa parte da poboación mundial, albergan máis da cuarta parte de todas as especies mariñas, son un medio de defensa fronte aos desastres naturais e unha das maiores farmacias con que conta a Humanidade.
Ao longo de 2018, Ano Internacional dos Arrecifes de Coral, a coalición integrada por ONU Medio Ambiente, Iniciativa Internacional de Arrecifes de Coral (ICRI), WWF, The Nature Conservancy, Wildlife Conservation Society, a compañía Vulcan Inc, The Ocean Agency e a Secretaría do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, comezou a construír un novo enfoque na promoción e a comunicación, coa finalidade de activar un movemento global que impulse aos gobernos e ao sector privado para implicarse na defensa destes espazos naturais.
Porque o coidado e recuperación dos arrecifes de coral non só supón a conservación dun ecosistema único e excepcionalmente rico en diversidade biolóxica, senón que pode xerar importantes beneficios económicos en sectores como o turismo, a pesca comercial e o desenvolvemento costeiro.
Un bo exemplo disto atopámolo na industria do buceo, posto que as empresas que introducen prácticas respectuosas co medio ambiente ven incrementado o seu número de clientes.
EN RISCO
Non obstante, o risco de desaparición segue sendo elevadísimo. Segundo o último informe do Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC), feito público en outubro de 2018, incluso acometendo accións contundentes para estabilizar o quecemento global en 1,5 graos centígrados por riba dos niveis preindustriais, é previsible que nos próximos decenios desaparezan entre o 70 e 90% dos arrecifes de coral.
De aí que Jerker Tamelander, Xefe da Unidade de Arrecifes de Coral de ONU Medio Ambiente, declare que aínda que “Os esforzos realizados durante todo 2018, Ano Internacional dos Arrecifes de Coral, axudaron a consolidar a protección dos arrecifes de coral como unha prioridade mundial, este impulso debe continuar se nós, como comunidade global, queremos evitar a perda dun dos máis importantes ecosistemas do mundo”.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación