- A empresa pública entregará 100 composteiros ao primeiro e 50 ao segundo a fin de que sexan repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo no que aplicar o abono resultante.
- Así mesmo, remitiu a ambos entes locais manuais didácticos de apoio e púxose a súa disposición para impartir cursos de formación presenciais destinados aos veciños participantes.
- Actualmente, 345 entidades de toda Galicia (195 concellos, 129 centros educativos e 21 colectivos sociais) atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 13.300 composteiros.
Cerceda, a 6 de marzo de 2020.- Os concellos coruñeses de Coristanco e Camariñas decidiron adherirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de impulsar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e beneficiarse das bondades dunha práctica con gran tradición no rural galego, pero que agora se moderniza, facéndoa máis hixiénica e cómoda.
A empresa pública entregará 100 composteiros a Coristanco e 50 a Camariñas a fin de que a autocompostaxe se implante en igual número de familias. En todo caso, estas deben habitar en vivendas que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, ao que prové de nutrientes e preserva fronte a posibles pragas e enfermidades.
Dado que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta fracción se recupera en orixe e se devolve á terra en forma de compost, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos.
Así mesmo, Sogama enviou a ambos os dous entes locais manuais didácticos de autocompostaxe para entregar aos veciños participantes e púxose a disposición dos concellos para impartir cursos de formación presenciais a fin de explicar a técnica de forma detallada: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto directo coa terra, co fin de facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os interesados en complementar os seus coñecementos nesta área, teñen a súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal na que atoparán recursos tales como vídeos, xogos, contidos online, etc.
Actualmente, 345 entidades de toda Galicia (195 concellos, 129 centros educativos e 21 colectivos sociais) están adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 13.300 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación