- A recollida selectiva do téxtil aumentou en 2021 un 3,2%, o que se traduce en 5,8 millóns de prendas.
- A recuperación deste residuo trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais: redución da emisión de toneladas de CO2 á atmosfera, creación de emprego verde e financiamento de programas de desenvolvemento nos países do Sur.
- Con todo, o sector continúa cun gran problema e é que apenas se recolle un 10% da roupa de que nos desfacemos os cidadáns.
Cerceda, a 8 de febreiro de 2022.- A recollida selectiva de téxtil por parte de Humana Fundación Pueblo para Pueblo aumentou un 3% en Galicia en 2021. Así se desprende do balance realizado pola entidade, que o ano pasado recuperou máis de 1.451 toneladas de téxtil usado para darlles unha segunda vida fronte ás 1.406 do exercicio anterior, o que se traduce nun incremento do 3,2%.
O residuo téxtil (roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar) deposítase nos contedores localizados na vía pública, grazas a acordos con concellos, entidades e empresas privadas.
As toneladas recuperadas o pasado ano equivalen a 5,8 millóns de pendran que son clasificadas nas plantas de preparación para a reutilización que Humana ten en Leganés (Madrid) e l’ Ametlla do Vallès (Barcelona). A meirande parte terá unha segunda vida: o 50% pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar.
“Estamos satisfeitos do incremento e sobre todo moi agradecidos polas doazóns dos cidadáns. Con todo, o sector ten un problema e é que aínda se recupera pouco residuo téxtil”, afirman desde a delegación de Humana en Galicia.
Calcúlase que cada cidadán refuga entre 20 e 30 kg de téxtil anualmente. Segundo os informes máis recentes, en España xérase cada ano máis dun millón de toneladas de residuos téxtiles, pero recóllense 110.000 toneladas. “Apenas representa algo máis dun 10% do que xeramos nos nosos fogares; o resto tírase noutras fraccións e acaba finalmente nun vertedoiro. Son cifras alarmantes, aínda máis cando a recollida selectiva ten un enorme potencial, dado que o 50% do residuo téxtil pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar”, asegura a entidade e insiste: “É importante que se deposite nun contedor de roupa; resulta obvio, pero case o 90% do residuo téxtil non acaba no punto de recollida axeitado”.
A reutilización do téxtil usado contribúe á redución das emisións de CO2: por cada kg de roupa recuperada evítase a emisión de 6,1 kg de CO2, segundo un estudo da Federación Humana People to People. As 1.451 toneladas recuperadas o ano pasado en Galicia evitaron a emisión de 8.852 toneladas de CO2 á atmosfera.
Doutra banda, os recursos obtidos coa xestión do residuo téxtil permiten a creación de empregos verdes (Humana xera un emprego indefinido por cada 30 toneladas de téxtil recolleito) e financian programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais.
Fonte e imaxe: Humana