- Conseguiron recuperar preto de 157 toneladas (44.460 quilos a través do contedor amarelo e 112.422 quilos mediante o contedor azul).
- Unha das principais novidades desta edición do “Camiño da Reciclaxe” foi a Compostela do EcoPeregrino, cuxo obxectivo é dar visibilidade ao compromiso dos peregrinos coa reciclaxe e o coidado do medio ambiente.
- Por cada Compostela do EcoPeregrino selada plantouse unha árbore autóctona, 600 en total.
Cerceda, a 2 de marzo de 2020.- O proxecto “Camiño da Reciclaxe”, co que se busca protexer a contorna natural polo que transcorre a Ruta Xacobea, segue a colleitar éxitos medioambientais. Coa implicación da Xunta, Ecoembes e a colaboración de 222 albergues galegos, os EcoPeregrinos incrementaron a súa achega á reciclaxe en máis dun 7,5% nos tramos da nosa comunidade autónoma, conseguindo recuperar preto de 157 toneladas de envases. Concretamente, depositaron 44.460 quilos no contedor amarelo (destinado a acoller envases de plástico, latas e briks) e 112.422 quilos no azul (reservado para os envases de papel e cartón).
Os albergues foron equipados no seu momento con papeleiras amarelas e azuis, selos identificativos de EcoAlbergues, ecotips para concienciar da importancia do aforro de luz e auga nas súas instalacións, material informativo e bolsas reutilizables feitas con botellas de plástico recicladas para repartilas entre os peregrinos e así evitar a basuraleza no Camiño.
Unha das principais novidades desta edición do Camiño da Reciclaxe foi a Compostela do EcoPeregrino, cuxo obxectivo é dar visibilidade ao compromiso dos peregrinos coa reciclaxe e o coidado do medio ambiente. Deste xeito, animábase aos camiñantes a subir a Twitter ou Instagram unha foto da súa Compostela con tres selos (que podían obter nos albergues participantes do proxecto) durante os meses de xuño a outubro co hashtag #EcoPeregrino.
Este pequeno xesto, que simbolizaba o seu compromiso ambiental, tivo recompensa, xa que por cada Compostela do EcoPeregrino selada plantouse unha árbore autóctona, 600 en total.
Este labor levouse a cabo en días pasados durante un acto no que participou María Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, e Ángel Hervella, responsable da xestión autonómica e local de Ecoembes. Ambos recordaron que son moitas os xeitos de vivir o Camiño, pero só hai un de conservalo: reciclando.
Fonte e imaxe: Ecoembes