- Antes de finalizar o período académico 2018-2019, quixeron reflectir o seu traballo con esta obra e render homenaxe aos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) que os acompañan en todo momento.
- A palabra Sogama, en vermello, confeccionada con tapóns solidarios, expresa o amor deste colexio cara á economía circular; e a bolsa amarela, azul e verde simbolizan a separación en orixe por parte dos mozos e mozas.
- Noutra das paredes réndese homenaxe á Liga Escolar de Pilas Usadas, onde este centro alcanzou a novena posición entre 150 colexios participantes.
- E, por suposto, as tradicionais botellas plásticas cheas de cabichas que viñeron recollendo polas rúas de Ourense, así como a pancarta dos Ecovixiantes, esa que viaxa por todos os recunchos do municipio cunha mensaxe subliminar “Traballamos por un mundo mellor”.
Cerceda, a 12 de xullo de 2019.- Foi un curso académico intenso. Os Ecovixiantes do colexio Divina Pastora de Ourense, liderados polo profesor Lalo Sánchez Busóns, dedicaron boa parte das súas xornadas a coidar a contorna, ben a través de tarefas de limpeza, de recollida de residuos ou de campañas de concienciación social. O seu compromiso co medio ambiente non ten límites. Sacrifican o seu tempo libre para levar a cabo cantas accións sexan necesarias para avanzar cara a un futuro máis sostible.
Antes de finalizar o período académico 2018-2019, quixeron reflectir o seu traballo cunha obra denominada “Galería Sogama” e render homenaxe aos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), que os acompañan en todo momento. Con residuos plásticos, bolsas, botellas, caixas de cartón, pilas tapóns, iogures bebibles e cabichas, entre outros materiais, configuraron unha especie de cadro no chan a través do cal recordan o feito e o que aínda queda por facer.
A palabra Sogama, en vermello, confeccionada con tapóns solidarios, expresa o amor deste colexio pola economía circular. A bolsa amarela, azul e verde simbolizan as separación de residuos en orixe por parte dos mozos e mozas do centro.
Nunha parede, co nome de “Pilas”, reflíctese o enorme esforzo realizado polo alumnado na Liga Escolar de Pilas Usadas, na que recolleron 831 quilos, posicionándose en noveno lugar entre os 150 colexios participantes; unha iniciativa que lles axudou a concienciarse en gran medida sobre o perigo deste residuo cando non se xestiona de forma correcta e o seu gran poder de contaminación da auga.
Noutra das paredes, pódense ver múltiples fotos e murais das múltiples actividades desenvolvidas, contabilizando este curso ao redor de 70 a través das cales reclamaron a complicidade da cidadanía para gozar dun medio limpo e saudable, dando ao mesmo tempo mostras de civismo.
A zona central está protagonizada polas distintas botellas de plástico nas que foron depositando as cabichas recollidas a través de distintas batidas na cidade de Ourense. E xa no rodapé botellas de plástico de auga de gran tamaño que foron utilizadas nas distintas expedicións para evitar o masivo consumo de botellas pequenas, que orixinaría máis plástico e máis desembolso económico.
E a pancarta dos Ecovixiantes, esa que viaxa por todos os recunchos do municipio cunha mensaxe subliminal “Traballamos por un mundo mellor”.
Saúdos, Departamento de Comunicación