- Estímase que entre 600.000 e 800.000 toneladas de equipos pantasma ingresan ao océano cada ano, ocasionando que máis de 100.000 baleas, delfíns, focas e tartarugas queden atrapadas.
- A Iniciativa Global contra as Redes de Pesca Pantasma, lanzada en 2015, promove un Marco de Mellores Prácticas para a Xestión dos Equipos de Pesca a nivel mundial, recomendando solucións para previr e mitigar os impactos das artes perdidas en toda a cadea.
- Algunhas das solucións contemplan a posibilidade de marcar os aparellos de pesca na fase de fabricación, promover o desenvolvemento de trampas de pesca biodegradables e fomentar, a través do ecodeseño, a reciclaxe dos plásticos utilizados pola industria pesqueira.
- A Iniciativa traballa cun obxectivo claro: que no ano 2030 o tonelaxe global do equipo que se perde no océano anualmente sexa igual ou menor que a cantidade de equipo que se recupera, reutiliza e recicla.
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2019.- Máis de 100.000 baleas, delfíns, focas e tartarugas quedan atrapadas cada ano en redes de pesca, palangres ou outros dispositivos de pesca perdidos ou abandonados.
Fabricados con plástico, poden tardar séculos en biodegradarse (ata 600 anos), ocasionando importantes danos no medio mariño. Estímase que entre 600.000 e 800.000 toneladas de equipos pantasma ingresan ao océano cada ano, unha cifra que algúns expertos cualifican incluso de conservadora.
Tamén as aves vense afectadas, xa que reúnen restos de redes para fabricar os seus niños, co risco de enredarse nos mesmos. Os arrecifes de coral son outras das vítimas deste fenómeno, xa que liquida produtos do mar que, doutra forma, formarían parte das capturas mundiais, ocasionando perdas millonarias.
En 2015, a Iniciativa Global contra as Redes de Pesca Pantasma aglutinou a colaboración de gobernos, corporacións do sector privado, da industria pesqueira e organizacións non gobernamentais para abordar o problema das artes de pesca perdidas e abandonadas, formando parte da mesma a campaña Mares Limpos, lanzada en 2017.
BOAS PRÁCTICAS
A iniciativa promove un Marco de Mellores Prácticas para a Xestión dos Equipos de Pesca a nivel mundial, recomendando solucións para previr e mitigar os impactos das artes perdidas en toda a cadea: desde os fabricantes de equipos ata os operadores portuarios, dando conta de estudos de casos sobre como se lograron cambios nos programas de reciclaxe de redes, a recuperación de redes abandonadas e as políticas de xestión da pesca.
Algunhas das solucións contemplan a posibilidade de marcar os aparellos de pesca na fase de fabricación, promover o desenvolvemento de trampas de pesca biodegradables e fomentar, a través do ecodeseño, a reciclaxe dos plásticos utilizados pola industria pesqueira. Tamén se indica que os fabricantes poderían ofrecer incentivos e instalacións para que os pescadores devolvan os seus equipos ao final da súa vida útil integrándoos na economía circular.
Recolectar redes, liñas, trampas e anzois que se moven polas augas dos mares para poder reciclalos constitúe outra das actividades deste programa. Xa hai experiencias neste sentido. É o caso da empresa danesa Plastix Global, que os converte en gránulos de plástico, tokens de plástico para festivais ou supermercados e artesanía local. Pola súa banda, o proxecto Net Positiva proporciona aos mariñeiros puntos de eliminación para os equipos usados, fabricando a partir dos mesmos lentes de sol, cadeiras e patinetes. A elaboración de fío de nylon a partir de equipos pantasma para crear roupa deportiva, traxes de baño, roupa interior e alfombras é outra posibilidade.
A Iniciativa Global traballa cun obxectivo claro: que no ano 2030 a tonelaxe global do equipo que se perde no océano anualmente sexa igual ou menor que a cantidade de equipo que se recupera, reutiliza e recicla.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación