- Educadores de Sogama impartiron no instituto desta localidade lucense sesións formativas na xestión sostible dos residuos urbanos
- Os estudantes de 1º e 2º de ESO tiña amplos coñecementos sobre a recollida selectiva das distintas tipoloxías de residuos e os contedores de destino
- Tamén manifestaron especial interese en coñecer os detalles do camiño que seguen os refugallos desde que se depositan nos contedores ata que se recuperan
Cerceda, a 7 de abril de 2022.- Educadores de Sogama viaxaron a principios desta mesma semana a Alfoz (Lugo) para impartir no instituto da localidade sesións formativas na xestión sostible dos residuos urbanos.
A satisfacción non puido ser maior ao comprobar os amplos coñecementos que os escolares, especialmente os de 1º e 2º de ESO, tiñan no ámbito da reciclaxe, xa que demostraron que diferencian claramente os distintos contedores de recollida selectiva e identifican as tipoloxías de residuos a depositar en cada un deles para garantir desta forma a súa posterior transformación en novos produtos.
Durante o diálogo mantido cos mozos, estes mostráronse moi preocupados pola elevada cantidade de envases e envoltorios que atopan nos supermercados, acrecentando o volume de lixo producido cada día. Xestos como as compras a granel e que cada consumidor faga uso da súa propia bolsa, resultan claves para reducir a produción de residuos en orixe, unha das grandes asignaturas pendientes.
Tamén manifestaron especial interese en coñecer as fases e os detalles do percorrido que seguen os residuos desde que se depositan nos contedores amarelos e xenéricos, que son as dúas fraccións que se atopan baixo a competencia de Sogama, ata que chegan ao Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), onde reciben o tratamento adecuado: clasificación e envío á industria transformadora, no caso da parte reciclable, e conversión en enerxía eléctrica da non reciclable, evitando con isto que acaben en vertedoiro, a opción menos desexable polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde pública.
Dada a súa extraordinaria sensibilidade ambiental, Sogama confía en que os escolares de Alfoz leven a cabo unha tarefa educativa na súa contorna máis inmediata e se impliquen de cheo na formación e concienciación dos adultos para que sexan capaces de visualizar os residuos como recursos.
Por outra banda, cabe lembrar que Alfoz está adscrito ao programa de compostaxe doméstica, sendo un dos cinco concellos da Mariña lucense que formaron parte dunha experiencia piloto liderada pola empresa pública no ano 2011. A día de hoxe, o municipio conta con 118 vivendas adscritas a esta iniciativa e, polo tanto, autoxestionan a súa materia orgánica converténdoa en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación