-
Preto dun cento de alumnos de 5º de primaria do CEIP Fogar desprazáronse á sede de Sogama en Cerceda para coñecer as súas instalacións e reforzar os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos municipais
Cerceda, ao 29 de abril de 2024.- Preto de 100 escolares do CEIP Fogar de Carballo desprazáronse ás instalacións de Sogama en Cerceda para participar na visita virtual que a empresa pon ao dispor dos distintos colectivos sociais co fin de que poidan coñecer a súa actividade con máis detalle e, ademais, coa máxima seguridade.
Equipados con lentes inmersivos 360º, o alumnado de 5º de primaria efectuou un percorrido virtual polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental da empresa pública, dando comezo pola de clasificación de envases lixeiros, onde se separan por tipoloxías os materiais depositados no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) para a súa posterior remisión aos centros recicladores.
O itinerario proseguiu pola planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a de elaboración de CDR, nas que se segrega, a través de tecnoloxías de última xeración, os materiais susceptibles de ser reciclados e que foron depositados erroneamente polo cidadán no contedor xenérico, convertendo en electricidade a fracción non reciclable.
A viaxe inmersiva permitiulles entrar en recunchos aos que non podería accederse nunha visita guiada a pé, polo que a experiencia resultoulles moi satisfactoria e instructiva. Con todo, finalizada a xornada, desprazáronse en autobús polo Complexo a fin de tomar conciencia da súa magnitude e dimensións.
Coñecemento, participación e implicación
No transcurso da sesión, os educadores improvisaron un coloquio no que os escolares tomaron parte para comentar as súas impresións sobre a visita, así como a súa participación na xestión sostible dos residuos. Neste sentido, non só manifestaron a súa plena colaboración no sistema, senón que evidenciaron os seus amplos coñecementos sobre o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), á vez que destacaron a súa plena familiaridade co contedor marrón, xa que Carballo, xunto con A Laracha, foron os primeiros concellos de Galicia en implantalo, adiantándose aos prazos lexislativos.
Antes de concluír a visita, os escolares, moi participativos e implicados en todo momento, xogaron e divertíronse coas máquinas Trash & Furious, poñendo a proba a súa bagaxe sobre a correcta clasificación de residuos e as súas destrezas (axilidade, atención e concentración).
Saúdos, Departamento de Comunicación