- Medio cento de alumnos/as de 5º e 6º de primaria viaxaron a Cerceda para coñecer a actividade desta empresa pública e o tratamento que reciben os residuos no seu Complexo Medioambiental
Cerceda, a 17 de xaneiro de 2024.- O CEIP de Lourido, pertencente ao Concello de Poio (Pontevedra), puido facer gala, no transcurso da súa visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), dos seus amplos coñecementos na xestión sostible dos residuos municipais e, máis concretamente, en reciclaxe e compostaxe doméstica.
Non en van, este centro, ademais de contar cunha cultura ambiental moi arraigada e especialmente coidada polo equipo docente, tamén participou en varios proxectos de xestión de residuos, como é o caso do programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta, e cuxo obxectivo é levar a recollida selectiva, garantindo ao mesmo tempo a transferencia dos bos hábitos aos fogares.
Equipados con lentes inmersivas 360º, medio cento de escolares de 5º e 6º de primaria efectuaron un percorrido virtual polas instalacións que conforman o complexo cercedense, seguindo o camiño polo que discorren os residuos desde que entran na infraestrutura de Sogama ata que son remitidos aos centros recicladores e/ou valorizados enerxeticamente, no caso da fracción non reciclable.
Guiados por educadores ambientais especializados, recibiron as explicacións oportunas sobre o labor de Sogama en Galicia, tipoloxías de refugallos que se atopan baixo a súa xestión (contedor amarelo, para envases de plástico, latas e briks; marrón, para materia orgánica; e xenérico, para fracción resto ou non reciclables) e foron quen de superar as distintas probas de coñecemento, destacando o seu alto nivel de participación.
Como colofón á visita, puideron gozar e aprender coas máquinas de xogos Arcade sobre separación de residuos, onde demostraron a súa bagaxe na materia e outras cualidades tales como reflexos, capacidade de superación, empatía, competitividade sa e traballo en equipo.
Saúdos, Departamento de Comunicación