- Foron instruídos esta mañá por técnicos de Sogama a fin de que coñecesen de forma pormenorizada o proceso de fermentación da materia orgánica, así como o control e seguimento que deben realizar sobre o mesmo para obter un compost de alta calidade.
- Os educadores incidiron na responsabilidade cidadá a través do principio dos 3R, á vez que explicaron a actividade de Sogama.
- Voltarán a este centro o próximo 13 de decembro para formar ao alumnado de 2º de ESO.
Cerceda, a 23 de novembro de 2021.- Escolares de 1º de ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña) foron instruídos esta mañá por técnicos de Sogama na autocompostaxe a fin de que coñecesen de forma pormenorizada o proceso de fermentación da materia orgánica, así como o control e seguimento que deben realizar sobre o mesmo o obxectivo de obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos na normativa vixente para ser aplicado con garantías na agricultura e xardinería.
Así mesmo, explicaron aos estudantes a necesidade de adoptar determinados xestos ambientais para contribuír á reciclaxe e, polo tanto, á posta en valor dos residuos mediante a súa conversión en novos produtos, propiciando desta forma un importante aforro de enerxía e materias primas virxes.
OS 3R, CLAVES NA SUSTENTABILIDADE
Os monitores incidiron tamén no principio europeo dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) como unha das principais claves para transitar desde unha economía lineal, caracterizada polas malas prácticas de usar e tirar, a unha lineal na que os residuos son convertidos en recursos. De aí a importancia de que os cidadáns actúen de forma responsable no consumo, adquirindo unicamente o necesario, que alonguen ao máximo a vida útil dos artigos e, unha vez convertidos en refugallos, que os separen en orixe por tipoloxías e os depositen nos correspondentes contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e verde xenérico, para a fracción resto.
O destino dos residuos especiais ou perigosos debe ser o punto limpo municipal para que sexan entregados a xestores autorizados co fin de que reciban o tratamento axeitado.
No Complexo Medioambiental de Cerceda, unha vez separados os materiais susceptibles de ser reciclados, a parte restante convértese en enerxía eléctrica, evitando desta forma o seu vertido, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Como colofón da sesión formativa, os mozos puideron participar na montaxe dun composteiro subministrado por Sogama e cuxo compost utilizarán na horta do recinto escolar.
O Concello de Ponteceso está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama cun total de 130 vivendas unifamiliares.
Os educadores volverán a este centro o próximo 13 de decembro. Nesta ocasión, a sesión estará dirixida ao alumnado de 2º de ESO.
Saúdos, Departamento de Comunicación