- Segundo un informe da AEMA, faise necesario ampliar as medidas de adaptación en todos os sectores de políticas e niveis de gobernanza para abordar os crecentes riscos climáticos como a calor extrema, a seca, os incendios forestais e as inundacións
Cerceda, a 26 de xullo de 2024.-Se ben os países europeos teñen avanzado considerablemente na implementación de políticas de adaptación ao cambio climático, o certo é que o ritmo e a escala das accións deben aumentar e ampliarse para abarcar máis áreas, coma os sectores da saúde, a agricultura e a silvicultura.
Unha análise da plataforma en liña Climate-ADAPT da UE, xestionada pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), mostra que compartir exemplos de adaptación pode impulsar a aprendizaxe en toda a UE para axudar ás sociedades a prepararse mellor para o cambio climático.
Segundo un novo informe da AEMA, a Avaliación Europea de Riscos Climáticos (EUCRA) destacou a necesidade de ampliar as medidas de adaptación en todos os sectores de políticas e niveis de gobernanza para abordar os crecentes riscos climáticos como a calor extrema, a seca, os incendios forestais e as inundacións.
A plataforma Climate-ADAPT inclúe actualmente 134 estudos de casos para aprender e inspirar a acción, e, aínda que cobren moitos riscos, existen lagoas nos exemplos prácticos que mostran a adaptación a algúns específicos nas áreas alimentaria, económica e financeira..
A AEMA alenta aos Estados membros, que a miúdo contan con estudos de casos nacionais, a que compartan máis exemplos de adaptación que poidan xerar coñecementos e experiencias, e servir de inspiración.
Fonte e imaxe: AEMA