- Segundo o Foro de Residuos de Aparellos Electrónicos e Eléctricos (WEEE Forum), o índice de consumo de produtos electrónicos aumenta un 3% anual, sobre todo en ámbitos como o dos teléfonos intelixentes, sendo un dos principais responsables do aumento de RAEE.
Cerceda, a 3 de novembro de 2021.- Nunha enquisa realizada pola British Computer Society (BCS) entre máis de 1.100 expertos do sector das tecnoloxías da información (IT), a reutilización e a reciclaxe dos residuos electrónicos foron as accións elixidas como prioritarias para mellorar a relación da tecnoloxía co medio ambiente.
A lexislación sobre o «dereito a reparar», que aos poucos se está impoñendo en todo o mundo, aínda que de forma irregular, pode axudar a acadar este obxectivo, “pero só se se promove e apoia axeitadamente por parte dos gobernos, os consumidores e a industria profesional da tecnoloxía”, afirma a BCS nun comunicado.
Despois dos residuos electrónicos (que encabezan a enquisa cun 30%), os expertos en IT decantáronse polos informes sobre a transparencia do carbono (19%), facer que os centros de datos sexan realmente «verdes» (14%) e conceder dereitos de teletraballo para reducir as emisións de carbono (13%). Pola súa banda, a restrición das criptomonedas que utilizan o « proof of work» ou proba de traballo como método de verificación (é o caso do Bitcoin), que teñen un gran impacto ambiental, obtivo un 12%.
A maioría (61%) dos expertos tamén manifestaron que non crían que as tecnoloxías dixitais e da información estean a ser utilizadas eficazmente pola industria na loita contra o cambio climático.
ALONGAR A VIDA ÚTIL A TRAVÉS DA REPARACIÓN
Alex Bardell, presidente do Grupo de Especialistas en Tecnoloxías da Información Ecolóxicas da BCS, afirma que «en lugar de depender de novos dispositivos en canto temos unha avaría, a lexislación sobre o «dereito á reparación» debería empezar a facilitar que a xente prolongue a vida dos seus dispositivos. Se o motor de arranque do teu coche fallase, irías ao taller a por unha peza nova, en lugar de tirar o coche ao lixo».
«O reto é que o modelo de negocio das empresas de electrónica consiste en lanzar produtos, como os teléfonos intelixentes, con ciclos de tempo cada vez máis pequenos como forma de xerar ingresos, e realmente non ten por que ser así. Fai falta combinar unha vontade política, social e comercial para poñer o planeta por diante dun ciclo de actualización cada vez máis axustado», engade.
Segundo o Foro de Residuos de Aparellos Electrónicos e Eléctricos (WEEE Forum), o índice de consumo de produtos electrónicos aumenta un 3% anual, sobre todo en ámbitos coma o dos teléfonos intelixentes, sendo un dos principais responsables do aumento dos residuos electrónicos.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay