- O volume destes refugallos reduciuse ata as 794.472 toneladas e tamén consta un aumento dun 1,4 % da reciclaxe de envases de plástico, latas e briks
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022.- A produción de residuos da fracción resto (bolsa negra) nos concellos adscritos ao modelo Sogama continúa á baixa, ao descender ata as 794.878,62 toneladas, 405 toneladas menos que en 2020.
Cómpre ter en conta que a minoración de refugallos da bolsa negra é significativa no último ano, por compararse co 2020, un ano marcado pola pandemia da covid-19, con confinamentos da poboación e peche de moitos sectores de actividade económica.
Os datos de 2021 tamén constatan melloras no relativo á bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), que medrou nun 1,4 %, respecto de 2020, e sitúase nas 32.780,26 toneladas recibidas no pasado ano.
OS GALEGOS, COMPROMETIDOS COA SUSTENTABILIDADE
Para a Xunta, estas cifras veñen a acreditar que a meirande parte dos galegos están comprometidos coa xestión sostible dos residuos urbanos e co consumo responsable, que implica menos refugallos.
Tamén é unha mostra da súa implicación coa reciclaxe, a través da correcta separación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores, para propiciar a súa transformación en novos produtos, contribuíndo deste xeito ao aforro de enerxía e materias primas.
A Xunta de Galicia e Sogama seguirán impulsando iniciativas que pivoten sobre no concepto multierre (redución, reutilización, reciclaxe, reparación etc.) e, desta forma, poder cumprir cos obxectivos fixados pola Unión Europea para os próximos anos.
A MATERIA ORGÁNICA, SEGUINTE RETO
A sociedade galega afronta a xestión e tratamento dun novo refugallo, os biorresiduos, e o reto implantar antes do 31 de decembro de 2023 o denominado quinto contedor (de cor marrón), destinado a acoller a materia orgánica.
Nese sentido, a Xunta impulsou unha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, que porá a disposición dos concellos; e que estará conformada por catro plantas de biorresiduos (Cerceda –xa en funcionamento-, Cervo, Verín e Vilanova de Arousa) e 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica. O Goberno galego destina un investimento de case 40 millóns de euros para poñer en marcha estas instalacións.
Así mesmo, reforzarase a compostaxe doméstica, presente xa, da man de Sogama, en 222 concellos, aos que se suman 177 centros educativos e 29 colectivos sociais, tendo repartido entre todos eles, e de forma gratuíta, máis de 18.000 composteiros.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda