- Batéronse récords respecto dos niveis de gases de efecto invernadoiro, as temperaturas en superficie, a calor e a acidificación dos océanos, o aumento de nivel do mar, a capa de xeo mariño da Antártida e o retroceso dos glaciares
- A esperanza púxose nas enerxías renovables, que se situaron na vangarda da acción climática polas posibilidades que ofrecen para acadar os obxectivos de descarbonización
Cerceda, a 25 de marzo de 2024.- Un novo informe da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) mostra que, unha vez máis, batéronse récords, e nalgúns casos ata se pulverizaron, respecto do niveis de gases de efecto invernadoiro, as temperaturas en superficie, a calor e a acidificación dos océanos, o aumento de nivel do mar, a capa de xeo mariño da Antártida e o retroceso dos glaciares.
As ondas de calor, as crecidas, as secas, os incendios forestais e a rápida intensificación dos ciclóns tropicais provocaron situacións caóticas e trastornaron a vida cotiá de millóns de persoas, ocasionando perdas económicas valoradas en miles de millóns de dólares.
O documento da OMM, que se publicou coincidindo coa celebración do Día Meteorolóxico Mundial, o 23 de marzo, confirmou que 2023 foi o ano máis cálido desde que hai rexistros, cunha temperatura media mundial preto da superficie de 1,45 °C (cunha marxe de incerteza de ± 0,12 °C) por riba dos niveis preindustriales de referencia.
Como media diaria do ano pasado, case un terzo do océano mundial viuse afectado por unha onda de calor mariña, o que danou ecosistemas e sistemas de alimentación vitais e, cara a finais de 2023, máis do 90 % do océano experimentara ondas de calor nalgún momento do ano.
O conxunto mundial de glaciares de referencia sufriu a maior perda de xeo xamais rexistrada (desde 1950), como consecuencia do desxeo extremo, tanto no oeste de América do Norte como en Europa, segundo datos preliminares.
A estensión do xeo mariño antártico foi, con fartura, a máis baixa da que se ten constancia, cunha estensión máxima ao final do inverno inferior en 1 millón de km2 á do ano récord anterior, o cal equivale ao tamaño combinado de Francia e Alemaña.
O número de persoas que padecen inseguridade alimentaria aguda en todo o mundo duplicouse, pasando de 149 millóns antes do COVID-19 a 333 millóns de persoas en 2023 (en 78 países monitoreados polo Programa Mundial de Alimentos). Aínda que os extremos meteorolóxicos e climáticos non sexan a causa subxacente, si son factores agravantes.
Os perigos meteorolóxicos seguiron a provocar desprazamentos en 2023, o que demostra como os choques climáticos socavan a resiliencia e crean novos riscos en materia de protección entre as poboacións máis vulnerables.
As enerxías renovables, á vangarda da acción climática
A xeración de enerxía renovable, que aproveita principalmente as forzas dinámicas da radiación solar, o vento e o ciclo da auga, situouse na vangarda da acción climática debido ás posibilidades que ofrece para acadar os obxectivos de descarbonización. En 2023, as incorporacións de capacidade renovable aumentaron case un 50 % respecto a 2022, ascendendo a un total de 510 gigavatios (GW), o que representa o maior ritmo observado nas dúas últimas décadas.
Ao informe contribuíron decenas de expertos e asociados, entre eles, as organizacións das Nacións Unidas, os Servizos Meteorolóxicos e Hidrolóxicos Nacionais (SMHN) e os centros mundiais de datos e análises, así como os Centros Rexionais sobre o Clima, o Programa Mundial de Investigacións Climáticas (WCRP), a Vixilancia da Atmosfera Global (VAG), a Vixilancia da Criosfera Global (VCG) e o Servizo de Cambio Climático de Copernicus, cuxo funcionamento corre a cargo do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Prazo Medio (ECMWF).
Fonte: OMM
Imaxe: Pexels