- A declaración conxunta destes renova o compromiso coa acción inmediata e colectiva para construír un mundo sostible, inclusivo, próspero e resiliente para 2030
- O Secretario Xeral da ONU pediu, entre outras cuestións, poñer fin á guerra contra a natureza e “a tripla crise planetaria” que representan o cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade
Cerceda, a 20 de setembro de 2023.- No marco do Cume dos ODS 2023, celebrada os días 18 e 19 de setembro de 2023, os líderes mundiais adoptaron unha declaración na que recoñecen que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible non se alcanzarán sen un impulso masivo ao investimento necesario para lograr transicións enerxéticas, alimentarias e dixitais xustas e equitativas, e para transformar a educación e a protección social nos países en desenvolvemento.
A declaración renova o compromiso coa acción inmediata e colectiva para construír un mundo sostible, inclusivo, próspero e resiliente no que ninguén quede atrás para 2030. O foco do documento é a implementación e, sobre todo, o financiamento ao desenvolvemento, para o que urxe asignar 500.000 millóns de dólares anuais.
Segundo os declarantes, a arquitectura financeira internacional, incluídos os seus modelos de negocio e capacidades de financiamento, “debe facerse máis axeitada ao seu propósito, equitativa e receptiva ás necesidades dos países en desenvolvemento para ampliar e fortalecer a voz e a participación destes na toma de decisións económicas internacionais”.
A declaración busca, así mesmo, impulsar o investimento na transición ás enerxías renovables, promover o acceso a internet para todos, crear 400 millóns de empregos decentes e ampliar a protección social a máis de catro millóns de persoas.
O Secretario Xeral da ONU dirixiuse aos líderes dos Estados para lembrarlles que os ODS están fóra da vía que deben seguir para cumprirse en 2030, data acordada orixinalmente como meta para o seu alcance. Dixo que eses 17 Obxectivos “non son só unha lista de metas. Representan as esperanzas, os soños, os dereitos e as expectativas da xente en todas partes”.
En 2015, os xefes de Estado e de Goberno comprometéronse cos ODS, que inclúen poñer fin á pobreza extrema e a fame, garantir o acceso a auga potable e saneamento, así como a enerxía verde, ademais de brindar educación universal de calidade e oportunidades de aprendizaxe permanente para todas as persoas en prazo de 15 anos. A situación actual permite proxectar que unicamente o 15% chegarían a bo termo, en tanto que algúns van revertendo os avances conseguidos.
Na súa participación no Cume, o titular da ONU destacou a necesidade de actuar en distintas áreas críticas tales como a fame, á que se referiu como unha espantosa mancha na humanidade que viola de maneira flagrante os dereitos humanos. Sinalou tamén que a transición á enerxía renovable non se está a producir o suficientemente rápido, mentres que os beneficios e oportunidades da dixitalización non se están a difundir de forma ampla.
Pediu tamén, entre outras cuestións, poñer fin á guerra contra a natureza e “a tripla crise planetaria” que representan o cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade.
O Secretario Xeral afirmou sentirse “moi alentado” pola declaración, e considerou que pode supoñer un punto de inflexión para acelerar a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Fonte e imaxe: ONU