- Un informe publicado por Summa Equity identifica as oportunidades de investimento para permitir a transición a unha economía circular europea
Cerceda, a 24 de maio de 2023.-Un informe publicado por Summa Equity estimou en 230 mil millóns de euros as necesidades de investimento para 2040, só en novos activos físicos e infraestrutura, para permitir a transición a unha economía circular europea. O seu estudo “Investing in a circular and waste-free Europe" pon de relevo aquelas áreas nas que a UE está a funcionar de forma deficiente, como é o caso da produción e eliminación de materiais, que xera 850 Mt de CO2e por ano, equivalente ao 22% das emisións totais de GEI da UE.
Unha das oportunidades que esta organización identifica como máis importantes é a necesidade dunha nova base de activos para a economía circular: equipos, plantas de procesamento e infraestrutura de apoio; investimentos que tamén poden xerar rendementos atractivos coa valoración dos mercados potencialmente circulares, superando os 1,5 billóns de euros para 2040.
Entre os aspectos que Summa considera positivos é que a UE estableceu obxectivos para a redución e a reciclaxe de residuos en sectores crave, os prezos do carbono están a aumentar rapidamente e as empresas están a adoptar a circularidade como parte das súas estratexias climáticas e de sostibilidade. Un elemento central da súa tese é a importancia de que as empresas lideren o cambio e sexan unha das pancas do cambio, implementando políticas ESG e preparando as súas operacións para o futuro, descarbonizándose rapidamente e propoñendo solucións a problemas sistémicos.
O informe conclúe que, para 2030, prevese "unha enorme refundación dos mercados europeos de materiais, residuos e produtos físicos". Á súa vez, os modelos de negocio circulares poderían xerar uns ingresos de 265 mil millóns de euros, o que representa o 15% do mercado de bens de consumo físicos, e de 450 mil millóns de euros en 2040. Se engadimos o aforro derivado da eficiencia dos materiais e a cuadruplicación prevista do sector da reciclaxe, os ingresos totais xerados pola economía circular en Europa poderían ascender a 820 mil millóns de euros en 2040.
Así mesmo, as emisións de gases de efecto invernadoiro poderían reducirse en 650 millóns de toneladas de CO2e, o que equivale ás emisións combinadas de Francia e España, ou ao 55 % das emisións totais do sistema de materiais nunha situación sen cambios en 2040.
Fonte e imaxe: https://summaequity.com/