- O cume, que comeza hoxe mesmo en Xenebra e estenderase ata o vindeiro venres, 10 de xaneiro, reúne a 700 mozos destacados de 25 países.
- Os estudantes debaterán sobre a forma de aproveitar as tecnoloxías para avanzar cara á consecución dos ODS e exporán as súas perspectivas e experiencias para analizar de que xeito a tecnoloxía pode cambiar o mundo.
- A UIT será o anfitrión do cume, en cuxa organización tamén participa o Programa Modelo das Nacións Unidas.
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2020.- Un total de 700 mozos destacados de 25 países daranse cita no Cume Mundial Futurecasters, que comeza hoxe mesmo en Xenebra e que se estenderá ata o vindeiro venres, 10 de xaneiro.
Baixo o título “Tecnoloxía en favor do desenvolvemento”, os estudantes debaterán sobre a forma de aproveitar as tecnoloxías para avanzar cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e exporán as súas perspectivas e experiencias persoais e culturais para analizar de que xeito a tecnoloxía pode cambiar o mundo.
A Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) será o anfitrión deste evento, en cuxa organización participa o Programa Modelo das Nacións Unidas.
O Cume Futurecasters da UIT baséase no éxito mundial do Programa Modelo FerMUN das Nacións Unidas, dirixido polo Lycée International Ferney Voltaire, e incluirá, entre outras temáticas, debates sobre o medio ambiente, a ciberseguridade, as cualificacións dixitais, a IA e a educación, así como un evento especial sobre a protección da infancia en liña – COP KIDS – e unha mesa redonda de docentes.
A participación dos mozos reviste especial importancia, toda vez que estes herdarán o mundo que a tecnoloxía está configurando agora. Por isto faise necesario escoitalos e que se convertan en parte da solución aos retos aos que se enfronta o mundo.
SOBRE A UIT
A Unión Internacional de Telecomunicacións é o organismo especializado das Nacións Unidas para as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
Fundada en 1865, está comprometida para conectar a toda a poboación mundial, dondequeira que viva e calesqueira que sexan os seus medios.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación