- Móstranse convencidos de que constitúe a maior ameaza global á que se enfronta a sociedade.
- Con todo, moitos aseguran atopar dificultades para intervir na procura de solucións e piden que se lles permita axudar dunha forma eficaz.
- Así se desprende do informe ' The Global Youth Letter', elaborado polo British Council.
Cerceda, a 1 de outubro de 2021.- Os mozos móstranse convencidos de que o cambio climático é a maior ameaza global á que se enfronta a sociedade, pero moitos aseguran atopar dificultades para intervir na procura de solucións e piden que se lles permita axudar dunha forma participativa e eficaz. Así se desprende do informe ' The Global Youth Letter', elaborado polo British Council.
A enquisa -materializada entre xaneiro e marzo de 2021-, realizouse a máis de 8.000 mozos de entre 18 e 35 anos de 23 países de Europa, Asia, África e América Latina. A través da mesma, e segundo British Council, búscase coñecer a visión, experiencias e aspiracións dos mozos ao redor da urxencia climática.
Unha das principais conclusións é que os mozos perciben unha falta de oportunidades para intervir na loita contra o cambio climático. Así, o 75% dos enquisados afirma contar con habilidades para abordar esta temática, pero un 69% non participou nunca neste tipo de accións.
Entre as barreiras, apuntan a estruturas sociais xerárquicas que exclúen aos mozos e a falta de acceso a programas de capacitación na materia. En canto ás oportunidades, identifican as redes sociais como unha destacada plataforma de intercambio de información e experiencias con outros mozos ou, no seu defecto, a televisión e a radio para zonas con dixitalización limitada.
Preguntados sobre cuestións de liderado na urxencia climática, o 67% pensa que os líderes dos seus respectivos países non poden abordar sós esta problemática.
As conclusións deste informe empregaranse para escribir unha Carta Global da Mocidade ('Global Youth Letter'), que suxerirá un plan de acción baseado nas opinións e aspiracións dos mozos. A versión final desta carta compartirase cos responsables políticos e líderes mundiais que participen na COP-26, a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático que se celebra entre o 1 e o 21 de novembro de Glasgow, e na que o Reino Unido exerce como país anfitrión.
Fonte: Ecoticias
Imaxe: Pexels