- A través da campaña “Vida subacuática: para as persoas e o planeta”, ONU Medio Ambiente pretende crear conciencia sobre a diversidade da vida mariña e a súa importancia para o desenvolvemento humano.
- Hai razóns de peso para isto: os océanos cobren dous terzos do planeta e producen o 50% do osíxeno na Terra, regulan o clima, subministran alimentos a máis de 3.000 millóns de persoas e absorben o 30% do dióxido de carbono que se libera na atmosfera, así como o 90% da calor que incide no cambio climático.
- Especies mariñas icónicas atópanse gravemente ameazadas pola sobrepesca, a caza ilegal, o cambio climático, a contaminación por plásticos e a degradación do seu hábitat. É o caso da mantarraya, o dugongo e o tiburón raposo, entre outras.
Cerceda, a 4 de marzo de 2019.- No marco da celebración do Día Mundial da Vida Silvestre, que tivo lugar onte, 3 de marzo, ONU Medio Ambiente quere chamar a atención sobre o estado vulnerable dalgunhas especies mariñas debido á irracional explotación dos mares.
É por isto que o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente lanzou a campaña “Vida subacuática: para as persoas e o planeta” a fin de crear conciencia sobre a diversidade da vida mariña e a súa importancia para o desenvolvemento humano, garantindo desta forma que os océanos sigan brindando os seus servizos para as xeracións futuras.
Os océanos cobren dous terzos do planeta e producen o 50% do osíxeno na Terra, regulan o clima, subministran alimentos a máis de 3.000 millóns de persoas e absorben o 30% do dióxido de carbono que se libera na atmosfera, así como o 90% da calor que incide no cambio climático. Razóns de peso para involucrarnos ao máximo na súa protección.
A mantarraya, criatura mariña que se alimenta do plancton e controla a abundancia e diversidade destes diminutos organismos, atópase ameazada pola sobrepesca, a contaminación por plásticos, o cambio climático e a degradación do hábitat. O mesmo sucede con outras especies tales como o dugongo e o tiburón raposo.
Co lema “Salvar os nosos océanos volveuse un asunto persoal”, ONU Medio Ambiente busca a complicidade das persoas para facer todo o que estea ao seu alcance co obxectivo de protexer os oceános.
Recorda que estamos ante un problema de primeira magnitude ao que se debe facer fronte de forma inmediata, toda vez que, na actualidade, usamos os recursos mariños máis rápido do que poden recuperarse. Ata o 40% do océano está afectado pola sobreexplotación das especies, a contaminación, a perda de hábitats costeiros e o cambio climático.
SINAIS DE CAMBIO
Pero estes cambios, tal e como asegura ONU, non teñen por que ser irreversibles. De feito, 57 países que administran o 60% das costas do mundo xa se uniron á campaña “Mares Limpos”, a maior alianza para facer fronte á contaminación por plástico nos mares, comprometéndose a reducir os plásticos dun só uso, a promover unha maior reciclaxe e a protexer as augas nacionais. Pola súa banda, 143 países sumáronse ao Programa sobre Mares Rexionais, lanzado en 1974, para promover a xestión sostible e o uso dos ecosistemas mariños e costeiros.
Ao obxecto de garantir a supervivencia de especies como a mantarraya ou o dugongo, ONU Medio Ambiente recomenda aos cidadáns evitar a compra de alimentos, xoias, artesanías e mediciñas tradicionais que usan partes dos seus corpos e adquirir no seu lugar mariscos obtidos de forma sostible, ademais de prescindir do uso de plásticos desbotables.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación