- A campaña ‘Camiño da Reciclaxe’, impulsada pola Xunta e Ecoembes, facilitou a recollida de case 33.000 kg de recipientes de plástico, latas e briks e case 84.000 kg de papel e cartón durante os meses de xuño a setembro
- A ratio de kg recollidos por albergue medrou un 8,6% grazas ao compromiso dos camiñantes e dos 173 ‘ecoalbergues’ participantes nesta iniciativa, onde tamén se repartiron máis de 70.000 bolsas reutilizables para evitar a ‘basuraleza’
Santiago de Compostela, a 21 de decembro de 2021.- Os peregrinos que este verán percorreron os itinerarios do Camiño de Santiago reciclaron 117 toneladas de envases, co que se acada o mellor rexistro desde a posta en marcha da campaña Camiño da Reciclaxe.
Esta iniciativa, na que Xunta e Ecoembes colaboran desde 2016, permitiu recuperar entre os meses de xuño a setembro dese ano 32.867 quilos no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e 83.853 quilos no azul (envases de papel e cartón).
Nesta edición participaron un total de 173 ecoalbergues galegos emprazados ao longo de cinco dos itinerarios: o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Portugués, o Camiño Inglés e o Camiño Primitivo, que se sumou por primeira vez nesta edición.
En relación cos datos por itinerario, no Francés (co maior número de albergues, 101) recolléronse 81 toneladas; no Portugués (34 albergues), 18 toneladas; no do Norte (15 albergues) recicláronse 11 toneladas; o Primitivo (15 albergues) sumou 4 toneladas; e no Inglés (8 albergues), recolléronse 3 toneladas.
Cómpre salientar, así mesmo, que a ratio de quilogramos recollidos por albergue medrou un 8,6% grazas ao forte compromiso dos camiñantes así como dos propietarios dos albergues que se adheriron ao programa. Os establecementos galegos representan un 43% do total de 400 que participan no proxecto entre as cinco comunidades autónomas polas que pasa o Camiño.
A campaña tamén incluía o reparto de 71.600 bolsas reutilizables, para facilitar que os peregrinos puidesen gardar os residuos xerados e depositalos no contedor correspondente, evitando a basuraleza na ruta máis concorrida e antiga de España.
A Xunta e Ecoembes coinciden no éxito desta campaña, co lema “Que o Camiño deixe pegada en ti, non ti nel”, que acadou un dos obxectivos principais: concienciar aos peregrinos na necesaria conservación do Camiño promovendo a reciclaxe.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a celebración dun Ano Santo que por primeira vez ten dúas anualidades, 2021 e 2022, é unha dobre oportunidade para que sexa recordado como “o Xacobeo máis comprometido co medio ambiente da historia”. Así mesmo, desexou que o ano que está a piques de comezar “sexa o exercicio do récord tanto no número total de peregrinos coma no de quilos reciclados no Camiño”.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda