- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do mes de marzo.
Moi lonxe quedan xa os primeiros meses de 2020, nos que augurabamos un ano redondo que marcaría unha nova década chea de proxectos e ilusións. E nada máis lonxe da realidade. Para a maior parte dos mortais foi un período especialmente duro, en moitos casos mesmo dramático e traumático, que puxo a proba a capacidade de resistencia e loita do mundo enteiro contra un inimigo común, a covid-19, que se cebou de forma inmisericorde coa poboación de case todos os países. Un fito na historia recente que nos marcará para sempre e do que tamén extraeremos grandes ensinos.
Pero o tempo é ouro e non podemos perder nin un minuto máis. A sociedade, a economía e o medio ambiente necesitan reactivarse. Desde Sogama xa demos os primeiros pasos a través da presentación dos proxectos das plantas de biorresiduos que esta compañía pública construirá e xestionará nas provincias de Pontevedra (concretamente no municipio de Vilanova de Arousa) e de Lugo (na localidade de Cervo), facendo o propio no sur da provincia de Ourense.
Sogama, e por tanto a Xunta de Galicia, poñerá a disposición dun bo número de concellos tres plantas de biorresiduos que se sumarán á de compostaxe industrial de Cerceda e que virán complementar as públicas e privadas, tanto actuais como futuras. O fin último é que Galicia dea debido cumprimento aos esixentes obxectivos de reciclaxe establecidos pola Unión Europea, cun tratamento específico para a parte orgánica contida nos residuos a través da súa conversión en compost, que regresa ao chan en forma de abono natural. Unha verdadeiro paradigma de economía circular.
Tamén acometeremos distintas melloras na rede de plantas de transferencia e transformaremos 5 microplantas en infraestruturas con maior capacidade e prestacións.
A reciclaxe ocupa un lugar predominante na nosa axenda de traballo e poñeremos en marcha todos os mecanismos ao noso alcance para que continúe en liña ascendente.
A ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda a través dunha nova planta que opera en liña coa industria 4.0 e a remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitiunos chegar, a finais do 2020, á vertedura técnica cero. Nin máis nin menos que 15 anos antes do estipulado polo Parlamento Europeo, o que converte a Galicia en todo un exemplo a seguir.
Presidente
Javier Domínguez Lino