- EuRIC insiste en que os materiais reciclados que cumpran as especificacións da industria ou as normas internacionais deben ter acceso aos mercados exteriores
Cerceda, a 4 de xullo de 2023.- Os recicladores europeos, a través de EuRIC, advirten do elevado número de propostas de emenda pouco xustificadas presentes no borrador do informe da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía (ETRI) do Parlamento Europeo sobre o posicionamento da UE respecto das Materias Primas Críticas.
Mentres que moitas das propostas presentadas destacan a necesidade de transparencia -«cando a Comisión engada ou elimine unha materia prima da lista da sección 1 dos anexos I e II, a Comisión proporcionará unha argumentación clara e un calendario»-, outras contemplan a adición de materiais aos anexos mencionados sen a existencia da devandita argumentación. Neste sentido, os recicladores europeos consideran que calquera proposta establecida na lexislación da UE debe estar apoiada por unha avaliación baseada exclusivamente en probas científicas.
Ademais, EuRIC insiste en que a Comisión debe revisar e, se é necesario, actualizar a listaxe de materias primas críticas catro anos despois da entrada en vigor e cada catro anos a partir de entón. Reducir a frecuencia de actualización crearía unha incerteza sen precedentes en termos de asignación de capital en novos investimentos.
En canto a aqueles posicionamentos que suxiren unha restrición das exportacións, EuRIC cre firmemente que son contrarias ao concepto de «libre comercio» e deben descartarse custe o que custe. Os materiais reciclados que cumpran as especificacións da industria ou as normas internacionais deben ter acceso aos mercados internacionais. Cabe mencionar que tales decisións réxense polo Regulamento da UE sobre o traslado de residuos e non deben ser o obxecto deste acto lexislativo.
Por último, EuRIC acolle con gran satisfacción as propostas que suxiren adiantar a data de adopción dos actos delegados, que establecerán os obxectivos de cota de contido reciclado dos materiais mencionados no artigo 28. Con todo, a organización considera que non ampliar o ámbito de aplicación do artigo é un signo de falta de ambición.
A respecto, Emmanuel Katrakis, secretario xeral de EuRIC manifestou que «A Unión Europea atópase nunha encrucillada, nun momento decisivo da súa existencia. As decisións que se tomarán sobre unha serie de propostas lexislativas cruciais – incluíndo a proposta sobre Materias Primas Críticas – definirán o futuro da industria da reciclaxe da UE e, polo tanto, a súa capacidade para alcanzar os ambiciosos obxectivos establecidos tanto no Green Deal da UE como no Plan de Acción de Economía Circular (CEAP)»,
Fonte e imaxe: EuRIC