- Terá lugar mañá e pasado (11 e 12 de xuño), incluíndo un encontro para dar conta dos avances do proxecto e un workshop no que cada socio explicará o traballo desenvolvido ata o de agora.
- No caso de Sogama, será o seu director xeral, Isidro García Téllez, o encargado de explicar as distintas actividades de capacitación e sensibilización promovidas por esta entidade pública.
- As accións desenvolvidas estiveron focalizadas cara a un obxectivo común: poñer en valor a materia orgánica, verdadeiro espírito do Res2ValHum.
Cerceda, a 10 de xuño de 2019.- O proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal Res2ValHum, cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica a fin de evitar o seu depósito en vertedoiro, aborda o que será o último semestre de actividade cunha nova reunión dos socios que terá lugar no Centro de Valorización de Residuos (CVR,) con sede en Guimaraes (Portugal), durante os días 11 e 12 de xuño, xornadas que tamén serán aproveitadas para celebrar un workshop interno.
Liderado pola Universidade do Minho, Res2ValHum conta coa participación de tres entidades galegas (Sogama, CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela) e outras tres portuguesas (Lipor, CVR e Braval); cada unha desempeñando cometidos concretos que conforman un plan de acción global a través do cal se pretende enxalzar as bondades do compost e as súas diversas aplicacións, que van máis aló da súa función como remediador de solos.
Así mesmo, a iniciativa concíbese como unha forma de estreitar lazos a ambos os dous lados da fronteira e de sumar esforzos para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos que teña a economía circular como patrón de referencia, isto é, promover o consumo responsable, previr e reducir a produción de refugallos, fomentar a reutilización a través dun maior aproveitamento dos produtos e propiciar a reciclaxe mediante a correcta segregación dos residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos diferentes contedores de recollida selectiva.
O día 11, e trala xuntanza dos socios para abordar a situación técnica e financeira do proxecto, desenvolverase un programa que estará protagonizado polos técnicos das diferentes entidades que participan nesta iniciativa. Falarase das ferramentas de xestión de recursos e recollida de datos en Portugal sobre produtores de residuos orgánicos, de compost e utilizacións finais, así como do desenvolvemento, optimización e implantación do proceso de compostaxe con variación de escala a nivel piloto e semiindustrial. Aquí darase conta de aspectos tales como a humificación, análises realizadas, caracterizacións de distintos parámetros, ensaios de compostaxe a escala de laboratorio e piloto, e avaliación do progreso e propostas de traballo futuras. Felipe Macías, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela será un dos relatorres.
Xa o segundo día, desgranaranse dous grandes bloques temáticos: o desenvolvemento de sesións técnicas de capacitación e de accións de sensibilización e educación ambiental, apartado no que, tanto Lipor como Sogama, da man do seu director xeral, Isidro García, exporán os traballos efectuados por ambas as dúas compañías.
Saúdos, Departamento de Comunicación