- Con tal fin, representantes da USC, Sogama e a Universidade do Minho manterán un encontro este mércores e xoves no Edificio CRETUS da USC
- A cita servirá tamén para que os portavoces da Universidade do Minho poidan coñecer in situ o piloto de compostaxe instaurado na contorna da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE)
Cerceda, a 20 de xuño de 2023.- Os socios do proxecto europeo Res4VALOR, isto é, a USC, como beneficiario principal, Sogama e a Universidade do Minho (Portugal), celebrarán mañá e pasado, 21 e 22 de xuño, a reunión final para facer balance das accións desenvolvidas polas partes no marco do mesmo.
Os representantes das tres entidades daranse cita no Edificio CRETUS, situado no Campus Vida da USC, onde abordarán outros asuntos tales como a discusión científico-técnica do estado do proxecto, a preparación da xustificación das actuacións realizadas, así como a organización do webinar de peche do Res4VALOR, que terá lugar a última semana de xuño.
O encontro servirá tamén para que os portavoces da Universidade do Minho poidan coñecer in situ o piloto de compostaxe instaurado na contorna da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e no que colabora o persoal da cafetería deste centro, achegando a materia orgánica, e o de xardinería da USC, quen subministra os restos vexetais, encargándose de aplicar o compost resultante nas zonas verdes do Campus.
Accións de capitalización de resultados do Proxecto Res2ValHUM
O proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR está orientado ao desenvolvemento de accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Enmarcado no programa Interreg VAI España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, está financiado polo Fondo FEDER, sendo o seu principal obxectivo reforzar a valorización do compost mediante a súa posible utilización para a retención de contaminantes orgánicos en sistemas de tratamento de augas residuais.
Sogama asumiu, entre outras tarefas, a organización e execución de sesións formativas dirixidas á veciñanza de distintos concellos, así como á comunidade universitaria da USC, encargándose tamén das caracterizacións da materia orgánica entregada na súa planta de compostaxe de Cerceda por varios concellos limítrofes.
Igualmente, editou un folleto dixital cos pormenores da compostaxe doméstica e industrial orientado a todos os públicos.
https://www.sogama.gal/folletores4valor/
Saúdos, Departamento de Comunicación