- O vindeiro sábado, 9 de outubro, técnicos desta empresa pública impartirán un curso de formación presencial no salón de actos do centro escolar da localidade (11:00 h).
- A cita será aproveitada para repartir entre os participantes os 25 composteiros subministrados por Sogama, así como as guías didácticas de apoio, tendo os asistentes a oportunidade de consultar as súas dúbidas e trasladar os seus comentarios.
Cerceda, a 7 de outubro de 2021.- Os veciños de Castroverde (Lugo) aprenderán as cuestións máis relevantes da técnica de autocompostaxe o vindeiro sábado, 9 de outubro, data na que persoal especializado de Sogama impartirá un curso de formación presencial que terá lugar, ás 11:00 horas, no salón de actos do centro escolar.
O programa de compostaxe doméstica arrincará en 25 vivendas unifamiliares deste municipio lucense, ao que Sogama enviou outros tantos composteiros con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
A xornada será aproveitada para entregar aos participantes estes recipientes, así como manuais didácticos nos que atoparán toda a información necesaria para levar a cabo, dunha forma eficaz e eficiente, a transformación de materia orgánica en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
Un técnico desta empresa pública explicará aos asistentes todos os pasos a seguir co obxectivo último de que o compost obtido reúna todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente para que poida ser aplicado na xardinería e agricultura con absolutas garantías e sen restricións.
Para isto, detallarase onde debe colocarse o composteiro, que materiais deben depositarse no mesmo, que control debe facerse sobre o proceso para que resulte exitoso e cales son as súas vantaxes desde a dimensión ambiental, económica e social.
Adicionalmente, os interesados contan cun sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar distintos recursos divulgativos que lles axudarán a reforzar e complementar os seus coñecementos neste ámbito.
Saúdos, Departamento de Comunicación