- Técnicos desta empresa pública impartirán en ambos os dous concellos senllos cursos de formación presenciais: en Cedeira celebrarase o mércores, 13 de outubro e, en Monfero, o día 15.
- O obxectivo é explicar ás familias adscritas a esta iniciativa os pasos a dar para obter un abono natural de alta calidade.
- Cedeira recibiu de Sogama un total de 170 composteiros e Monfero, que se adheriu recentemente a este programa, 25.
Cerceda, a 8 de outubro de 2021.- Os veciños dos Concellos de Cedeira e Monfero (A Coruña), ambos os dous adscritos ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama en Galicia, recibirán senllos cursos de formación presencial a cargo de técnicos de Sogama para aprender a elaborar un compost de calidade a partir da materia orgánica producida nos seus fogares.
No caso de Cedeira, a sesión terá lugar o vindeiro mércores, 13 de outubro, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal e, no de Monfero, o venres 15, ás 17:30 horas, na antiga Cámara de Comercio.
Tras a última partida de composteiros subministrada de forma gratuíta por Sogama, Cedeira xa conta con 170 recipientes repartidos entre outras tantas familias que, voluntariamente, decidiron participar nesta iniciativa. En Monfero son 25 os fogares que se sumaron ao programa co obxectivo de poñer en valor a fracción orgánica contida no lixo mediante a súa transformación nun abono natural de alta calidade para ser aplicado na agricultura e a xardinería.
TRADICIÓN CON INNOVACIÓN
Ambos os entes locais pretenden recuperar unha práctica tradicional no rural galego e alcanzar coa mesma importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Dado que a fracción orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe en forma de compost, que regresa á terra como fertilizante natural para dar nova vida a plantas e cultivos, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, aforrando custos, tanto na recollida e transporte do lixo, como no tratamento final.
O abono obtido conta, polo xeral, con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura e xardinería con absolutas garantías.
O persoal de Sogama explicará os pasos a seguir polos usuarios neste proceso, que arrinca coa colocación do composteiro nun emprazamento axeitado, en contacto directo coa terra e protexido das inclemencias meteorolóxicas. Insistirase no que debe –e non debe- depositarse neste recipiente (con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables), e que, en todo caso, permite que o proceso gañe en eficiencia e comodidade, e como debe ser controlada a operativa para que o resultado sexa satisfactorio.
Así mesmo, os usuarios recibirán un manual didáctico no que se detalla a operativa, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e clarificando os erros máis frecuentes.
Transcorrido un ano, os entes locais deben entregar á empresa pública un informe de seguimento
Saúdos, Departamento de Comunicación