- A petición do Concello, a xornada, a impartir por técnicos ao servizo desta empresa pública, terá lugar o vindeiro xoves, 22 de setembro, ás 19:00 horas, no Local Social do municipio
- O obxectivo desta cita é explicar aos asistentes como reducir a produción de residuos en orixe, como colaborar no sistema de recollida selectiva para propiciar a reciclaxe e como mellorar a valorización da materia orgánica en orixe
- Un día despois, serán as escolas infantís de Paderne as que recibirán a visita dos educadores de Sogama co fin de instruír aos pequenos no principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe)
Cerceda, ao 20 de setembro de 2022.- Educadores de Sogama, a petición do Concello de Coirós (A Coruña), impartirán o vindeiro xoves, 22 de setembro, unha sesión formativa orientada aos veciños para abundar nas boas prácticas ambientais vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos, instruílos nos pormenores da recollida selectiva en xeral, e no da materia orgánica en particular, e explicarlles a actividade desta empresa pública na valorización dos refugallos, ben propiciando a súa reciclaxe ou ben mediante a súa recuperación enerxética, no caso da fracción non reciclable.
Durante a charla, que terá lugar, ás 19:00 horas, no Local Social do Concello, os monitores desta empresa pública exporán a problemática que, nas sociedades actuais, representa a elevada produción de lixo, como diminuílo a través do consumo responsable, a prevención e a reutilización dos produtos, e como separar correctamente os residuos en función das súas características, introducindo cada tipoloxía no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado. Con isto, non só se alcanzarán importantes beneficios ambientais, senón tamén económicos e sociais.
Abordarase igualmente o modus operandi relativo ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia, e ao que está adscrito o Concello de Coirós, participando no mesmo 25 vivendas unifamiliares desta localidade que dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante.
Esta cita concíbese como unha oportunidade para que os interesados complementen os seus coñecementos na correcta xestión e tratamento dos residuos, e tamén para que trasladen as súas consultas, dúbidas e comentarios a fin de mellorar o seu labor e posibilitar unha maior recuperación dos produtos consumidos nos seus fogares, resultando esencial a correcta separación dos mesmos en orixe.
XORNADA PEDAGÓXICA NAS ESCOLAS INFANTÍS DE PADERNE
Ao día seguinte, 23 de setembro, as dúas escolas infantís do Concello veciño de Paderne (isto é, a Escola de Areas e a Escola de Viñas), recibirán a visita dos educadores de Sogama co obxectivo de que os pequenos sexan formados no principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) a través de diferentes actividades lúdicas.
Así, ensinaránselles as claves para xerar menos refugallos e consumir de forma sostible, á vez que se lles mostrará como reutilizar distintos obxectos para alongar a súa vida útil e evitar que acaben no cubo do lixo. Igualmente, explicaráselles que residuos deben -e non deben- depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.
Saúdos, Departamento de Comunicación