- Técnicos da empresa pública impartirán mañá, 28 de outubro, a partir das 16:30 horas, no Centro Cultural Municipal, unha sesión formativa orientada á veciñanza que participa neste programa
- A día de hoxe, xa son máis dun cento as vivendas desta localidade adscritas ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia.
Cerceda, a 27 de outubro de 2022.- Tras impartir esta semana dúas xornadas formativas sobre compostaxe doméstica no municipio pontevedrés da Estrada, os técnicos de Sogama viaxarán mañá, venres, 28 de outubro, ao concello de Rodeiro para facer o propio e instruír aos veciños na autoxestión da materia orgánica producida nos fogares mediante a súa transformación en compost.
Se ben se trata dunha práctica tradicional no rural galego, as máis de 100 familias de Rodeiro que participan neste programa,¡ dispoñen dun composteiro, subministrado de forma gratuíta por Sogama a través do Concello (con capacidade para 400 litros e fabricado con material reciclado e reciclable), que fai máis cómodo, eficiente e hixiénico todo o proceso.
Condición indispensable é que os veciños adscritos a esta iniciativa residan en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, que regresa á terra en forma de abono para dar unha nuevo vida, constituíndo todo un exemplo de economía circular.
DEBULLANDO O PROCESO DE COMPOSTAXE
Durante a xornada, que terá lugar, a partir das 16:30 horas, no Centro Cultural do municipio, os técnicos detallarán os pasos a seguir para elaborar un compost de alta calidade: desde a localización do composteiro, que debe colocarse no exterior das vivendas, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados neste recipiente, incidindo no necesario control de toda a operativa. Isto implica prestar especial atención a parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
A experiencia acumulada permite concluír que os usuarios, grazas á súa dilixencia e familiaridade co proceso, logran elaborar un compost de alta calidade que cumpre os requisitos esixidos na normativa vixente, permitindo a súa posterior utilización no solo con absolutas garantías e sen restricións.
PRINCIPIO DO TRES ERRES
A sesión formativa de mañá servirá tamén para despexar dúbidas, corrixir posibles erros e lembrar o principio básico que debe guiar a xestión sostible dos residuos urbanos: reducir a produción de refugallos, aproveitar ao máximo os materiais a través da reutilización, e separar os residuos en orixe, procedendo ao seu depósito no contedor correspondente, a fin de garantir o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa conversión en nuevo produtos; un xesto que axudará en boa medida a aforrar enerxía e materias primas virxes.
Saúdos, Departamento de Comunicación